O BNG require a instalación de máis contedores de aceite usado
A veciñanza de Compostela, cada vez máis concienciada na protección ambiental, demanda que se facilite a recollida selectiva deste residuo
Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2015.- O grupo municipal do BNG trasladará ao vindeiro Pleno unha moción destinada á instalación de contedores de aceite usado coa identificación dunha campaña de sensibilización en máis centros colaboradores repartidos por todo o municipio de Santiago de Compostela.
Segundo recolle o texto da iniciativa do BNG, a axeitada recollida e o tratamento dos aceites domésticos usados é unha necesidade perentoria para a protección do medio ambiente. Ademais é unha obriga regulada pola Lei de Residuos, que lle atribúe de forma xenérica ás entidades locais, como servizo obrigatorio, a recollida, o transporte e a eliminación de residuos urbanos, ademais de obrigarlles aos municipios de máis de 5000 habitantes a implantar sistemas de recollida selectiva de lixo.
A eliminación dos aceites usados a través das tubaxes dos desaugadoiros das vivendas é a fonte de contaminación máis grave das augas residuais urbanas. Os aceites dificultan o funcionamento das plantas depuradoras, que non son capaces de eliminalos, e mesmo rematan como vertidos directamente ao subsolo a través dos pozos sépticos, con efectos contaminantes se van directamente aos acuíferos. Un litro de aceite pode contaminar mil litros de auga.
A veciñanza, afortunadamente, cada vez é máis sensíbel co problema xeral da contaminación, polo que hai unha demanda crecente de ampliación da recollida selectiva do aceite comestíbel usado. Dado que, ademais, os aceites usados son susceptíbeis de seren transformados en biocombustíbel, unha recollida adecuada para a súa posterior utilización xera ingresos e, consecuentemente, postos de traballo.