O BNG traslada ao Pleno a necesidade de mellorar a iluminación e a seguridade viaria no Home Santo
A veciñanza quéixase do abandono municipal no mantemento das actuacións que renovaron esta zona recentemente
Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2015.- O grupo municipal do BNG reclamará no vindeiro Pleno melloras na imaxe e na seguridade viaria da rúa do Home Santo, no relativo a incrementar puntos de iluminación pública, acondicionamento de alcouves, mantemento das xardineiras, limpeza de beirarrúas e regulación do tráfico, entre outros.
Logo das queixas da veciñanza, toda vez que en 2011 se efectuaron obras de renovación de pavimentos e de servizos, coa colocación de bancos de pedra e de árbores, cómpre realizar un mantemento acaído desta actuación. Outras das demandas son referidas á falta de iluminación da rúa, sobre todo entre os números 21 e 28, e de recollida de excrementos.
Por outra banda, na confluencia da rúa do Home Santo coa avenida Rodríguez de Viguri, a existencia dun cruzamento coincidente coa saída da estación de autobuses e o tráfico regulado por semáforos fai que neste punto se concentre gran cantidade de automóbiles que en moitos casos colapsan a intersección e provocan problemas de tránsito para a veciñanza.