O BNG preguntará no Pleno polo prazo das obras de reurbanización de Carretas, no remate da prórroga
Demanda coñecer os motivos do atraso na execución e as medidas previstas, pois a actuación non está avanzada para concluír esta semana
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2015.- O grupo municipal do BNG advirte da demora nas obras de Carretas, con data de remate prevista para este venres 27 de novembro, logo da prórroga concedida, cando non ten trazas de concluír no curto prazo. Deste xeito, o BNG trasladará unha pregunta ao Pleno para coñecer os motivos deste atraso e as medidas que ten previsto emprender o Concello de Santiago.
As obras de Carretas prevén labores de demolición de pavimento e canalización de servizos, ademais de crear un espazo de aparcadoiro dende a entrada do almacén ata a rúa das Hortas para non entorpecer os labores de carga e descarga, así como para permitir a parada de residentes. Cómpre lembrar que, dende o inicio das obras, o pasado 14 de abril, está pechada ao tráfico esta rúa no tramo comprendido entre a rúa García-Sabell e a rúa das Hortas, así como prohibido o estacionamento.
Esta actuación busca dar resposta a unha demanda veciñal encamiñada a facer peonil esta rúa, mais con acceso a residentes, mercadorías e servizos públicos. A obra adxudicouse por un importe de 622.482 euros e cun prazo de execución de cinco meses a partir do 13 de abril. Con data 18 de agosto, a empresa presentou unha solicitude xustificada de ampliación de prazo de realización dos traballos, que contou con informe favorábel á petición e cunha proposta como nova data de finalización do prazo do 27 de novembro. Porén, as obras aínda non están o suficientemente avanzadas como para cumprir os prazos.
No proxecto da obra figura o pavimento de lousa granítica ao longo dos 150 metros nos que se actuará, cunha pequena zona de transición con cantos rodados no encontro coa rúa García-Sabell. Terá bolardos e aparcabicletas metálicos, alcorques de ferro fundido para o arborado, bancos de pedra e de madeira, papeleiras, unha fonte-bebedoiro e xardinería. De xeito paralelo, estas obras servirán para a mellora da rede de abastecemento e de saneamento, que separará as augas pluviais das fecais; co servizo de gas natural, soterramento da rede xeral eléctrica e de telecomunicacións, que irá por un prisma único de formigón. Instalaranse novas luminarias co mesmo formato que as existentes no núcleo histórico, con tecnoloxía led, substituíndo os cables aéreos actuais por outros soterrados.