O BNG require melloras no campo de fútbol de Figueiras e a execución do plan de iluminación aprobado
Rubén Cela, logo do encontro do BNG mantido coa veciñanza de Figueiras, trasladará ao Pleno as súas reivindicacións
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, reclama a mellora das instalacións deportivas e socioculturais na parroquia de Figueiras e a execución do proxecto de iluminación aprobado hai un ano. Actualmente o campo de Figueiras é un auténtico arrozal onde é máis fácil facer esquí náutico que xogar ao fútbol, explicou.
Así, avanzou en rolda de prensa o contido dunha iniciativa que trasladará ao vindeiro Pleno coas demandas da veciñanza de Figueiras, no relativo ao acondicionamento da zona deportiva situada a carón do campo da festa, que se atopa nun estado impracticábel; á eliminación de humidades e mellora da acústica do centro sociocultural; e á execución proxecto de iluminación pública no tramo entre Codesedas e o campo da festa.
O campo de fútbol, segundo explicaron veciños e veciñas da zona, pode ser acondicionado para uso por parte dos diferentes clubs -federados ou non- e dos equipos que teñen dificultades para acceder a espazos de adestramento de fútbol, rugbi e fútbol gaélico, entre outras modalidades deportivas. Rubén Cela referiuse tamén ao eucaliptal próximo que require unha actuación de limpeza para evitar o perigo de caída das árbores, así como a retirada das follas e dos froitos; á parte do estado dos vestiarios que precisan de acondicionamento para o seu uso.
No relativo aos accesos, que carecen de puntos de luz, o proxecto de iluminación de Figueiras foi aprobado na Xunta de Goberno Local do 14 de novembro de 2014, no tramo de estrada que une Xulacasa coas pistas deportivas, segundo lembrou Rubén Cela. Posteriormente, en febreiro de 2015, o grupo municipal do BNG formulou unha pregunta para coñecer en que situación se atopaba. Na actualidade, dende Codesedas até o campo da festa carécese de iluminación pública.