DESAFIUZAMENTOS
O BNG lamenta o desafiuzamento dunha familia en Santiago e empraza a Xunta e Goberno local a procurar unha solución
A familia atópase nun caso de extrema vulnerabilidade
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2018.- O grupo municipal do BNG lamenta o desaloxo dunha familia da vivenda en que residía na rúa de Touro, propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo, sen contar con alternativa habitacional ningunha, co agravante de que se atopan en situación de exclusión.
Cómpre lembrar que Santiago de Compostela está declarada libre de desafiuzamentos e, dende o BNG, emprázase a que Xunta e Goberno local deixen de pasarse a pelota e se poñan a buscar unha solución efectiva para esta familia.
O BNG xa tiña realizado unha pregunta sobre as xestións realizadas polo Goberno local para garantirlle vivenda a estas familias ameazadas de desaloxamento, cando teñen menores e se encontran en situación de vulnerabilidade, mais até o momento non obtivo resposta por parte da Alcaldía nin da concelleira de Políticas Sociais.