MOBILIDADE

Rubén Cela sinala que o Goberno de Noriega “non fixo nada para fomentar o uso de coches eléctricos”

Trasladará unha batería de medidas ao Pleno para apostar por estes vehículos máis sostíbeis e eficientes

Rubén Cela sinala que o Goberno de Noriega “non fixo nada para fomentar o uso de coches eléctricos”

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2018.- O portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, referiuse en rolda de prensa  “unha carencia máis do Goberno de Compostela Aberta” no relativo a fomentar o uso dos coches eléctricos.

Compostela está a quedar atrás a respecto doutras cidades do Estado español como Murcia, Valladolid, Madrid ou Barcelona e doutros concellos galegos, afirmou, “mais estes tres últimos anos foron en branco para fomentar tanto o transporte público eléctrico como o privado en Santiago de Compostela”. O único que hai en Santiago neste sentido é unha bonificación no imposto de circulación do máximo que permite a lei do 75%, existen dúas prazas adaptadas para coches eléctricos no aparcadoiro de Xoán XXIII e o anuncio do concelleiro de Mobilidade de que una das futuras liñas de transporte urbano vai ser prestada cun autobús eléctrico.

Neses concellos aprobáronse plans estratéxicos e medidas encamiñadas ao fomento destes vehículos que están considerados como o futuro da automoción, pois máis do 10% das emisións de CO2 no planeta están provocadas polos vehículos nas contornas urbanas e, ademais, pola evolución pois en 2017 vendéronse 8.645 coches eléctricos que supoñen un crecemento do 82% con respecto ao ano anterior porque hai cidades que se están a preparar para ese cambio e Santiago de Compostela non fixo os deberes, advertiu.

Trátase de vehículos máis limpos, sostíbeis e eficientes con menor impacto ambiental e acústico, ademais do baixo custe de mantemento e combustíbel (2 euros cada 100 km os eléctricos en contraposición aos 10 euros cada 100 km dun coche de gasolina).

Deste xeito, o BNG demandará no vindeiro Pleno reconducir esta situación e os fondos EDUSI, que noutras cidades con sensibilidade ambiental foron usados para financiar os plans estratéxicos para preparar ese cambio no modelo de transporte. Así, reclamará unha rede pública de recarga, ademais de facer un esforzo maior na propia flota de transporte público, nos vehículos municipais e das empresas concesionarias e nos taxis. Outro apartado vai destinado aos descontos e bonificacións, “o BNG sempre defendeu e segue defendendo a gratuidade da ORA mais mentres iso non sexa así pode aplicarse, como noutras cidades, aos vehículos eléctricos”; descontos ou gratuidade nos aparcadoiros públicos e reservas específicas de estacionamento, con incremento de tempo para as empresas de reparto, por exemplo, en carga e descarga.

A maiores, referiuse Rubén Cela a que o Goberno de Compostela Aberta debera adoptar medidas para garantir nos taxis o dereito de acceso universal “e para iso ten que haber dispoñibilidade de vehículos adaptados, o que debe ser unha prioridade”.

Rubén Cela sinala que o Goberno de Noriega “non fixo nada para fomentar o uso de coches eléctricos”