INSTITUCIONAL

O BNG lémbralle a Miñones o compromiso do Goberno español para a humanización da rotonda de Conxo

1620815827saudovoceiros
Visita institucional

Goretti Sanmartín expuxo na reunión co delegado do Goberno o acordo plenario para denominar “Daniel Castelao” a estación intermodal

O BNG lémbralle a Miñones o compromiso do Goberno español para a humanización da rotonda de Conxo

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2021.-  Na reunión mantida polos grupos municipais co novo delegado do Goberno español, José Miñones, a portavoz do BNG en Raxoi, Goretti Sanmartín, transmitiu o compromiso de acabar un proxecto de vital importancia para Santiago, como é a humanización da rotonda de Conxo, “unha obra necesaria para vertebrar o barrio, solucionar os problemas de seguranza viaria e diminuír a contaminación acústica derivada do paso de milleiros de vehículos por este acceso que tronzou o barrio en dous”.

Lembrou tamén a necesidade da construción da estación de mercadorías da Sionlla e o plan de usos para a vella terminal da Lavacolla, ademais de incluír a denominación “Daniel Castelao” e a exposición permanente sobre a súa obra e personalidade no interior da estación intermodal, que foi aprobada por unanimidade en Pleno.

Trasladoulle, ademais, a necesidade de dotar Santiago de Compostela do Xulgado de Violencia de Xénero, como figura no acordo de Investidura de Pedro Sánchez.

Axuda extraordinaria ao Consorcio para revitalizar a Cidade histórica

Ademais, Goretti Sanmartín subliñou o compromiso orzamentario co Consorcio de Santiago para as actividades do Ano Santo de 2021, recollido na disposición adicional 135 dos Orzamentos de Estado para 2018 e que non está derrogada. “Esta achega do Estado debe ser independente de que se reúna o Real Padroado ou non e, ademais, debe estenderse ao ano 2022”, engadiu.

O BNG defende que o Consorcio contribúa a revitalizar a Cidade histórica, cun incremento das axudas para a accesibilidade, insonorización e confortabilidade das vivendas, co fin de gañar residentes, ademais de desenvolver un plan para rehabilitación de baixos baleiros para destinalos a crear un viveiro comercial coa apertura de novos estabelecementos por parte de persoas que queiran emprender os seus negocios por primeira vez. “Deste xeito, coa mellora das vivendas, coa instalación de servizos básicos e cun tecido comercial forte e variado devolverase a vitalidade á Cidade histórica de Santiago, que nunca debeu perder”, sinalou.

 

O BNG lémbralle a Miñones o compromiso do Goberno español para a humanización da rotonda de Conxo