O BNG leva a Pleno a proposta de crear aparcadoiros de bicicletas e un sistema de préstamo público
Require tamén unha campaña de concienciación sobre os beneficios de utilización de medios de transporte sostíbeis, incluíndo as vantaxes da intermodalidade no sentido de deixar o coche nun estacionamento e desprazarse logo en bicicleta
Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2015.- O grupo municipal do BNG defenderá no vindeiro Pleno unha moción relativa á necesidade de crear aparcadoiros de bicicletas e a implantación dun sistema de bicicletas compartidas.
Segundo explicou Rubén Cela en rolda de prensa, a bicicleta representa un medio de transporte esencial na promoción da mobilidade sustentábel e segura para as persoas da nosa cidade. Como un medio de transporte máis, precisa ser estacionada nun lugar seguro, ben aparcada e preto do punto de destino.
A dispoñibilidade de aparcadoiros de bicicletas cómodos e seguros é unha condición imprescindíbel para unha acertada estratexia de promoción, explicou. Ademais, demandou campañas de concienciación sobre os beneficios de utilización de medios de transporte sostíbeis, incluíndo as vantaxes da intermodalidade no sentido que se poida deixar o coche nun estacionamento e desprazarse pola cidade en bicicleta.
O grupo municipal do BNG considera necesaria, pois, a creación de diversos aparcadoiros de bicicletas que, ademais, sexan acordes co contorno. Aparcadoiros distribuídos en puntos estratéxicos da cidade, como os destinos frecuentes de traballadores e traballadoras, estudantes ou visitantes, como poden ser as facultades e o CSIC, o edificio administrativo de San Caetano e estación de autobuses, estación do tren, aparcadoiros de borde como Salgueiriños, San Lázaro e Santa Marta, Porta do Camiño, Avda. Rodríguez de Padrón, Cidade da Cultura, Multiusos de Sar, CHUS, Restollal e moitos outros. Para algúns emprazamentos haberá que contar coa colaboración da Universidade ou da Xunta de Galiza.
Ademais, indicou que na Comisión Asesora de Patrimonio Histórico de abril se informou favorabelmente por unanimidade a colocación dun sistema aparcabicicletas no extremo sur do Pazo de Raxoi, o primeiro dos demandados polo BNG e aceptados en sesión plenaria de novembro do 2012 e nos que cómpre avanzar.
Máis imaxes de bicicletas estacionadas na zona histórica por falta de aparcadoiro nesta galería.