O BNG require un plan de actuación urxente para arranxar o campus sur, “nunha situación calamitosa”

O BNG require un plan de actuación urxente para arranxar o campus sur, “nunha situación calamitosa”

Cómpre a reparación de vías e beirarrúas, ademais do mantemento de pistas deportivas, peches, colectores de lixo, sinalización e mobiliario urbano

campus01

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2015.- O grupo municipal do BNG defenderá no vindeiro Pleno unha moción para que se arranxe o campus sur universitario, “nunha situación calamitosa tanto na súa rede viaria, como no mobiliario urbano, parques e alumeado público derivados da falta de mantemento, aos que se engaden os problemas derivados da falta de accesibilidade e deterioro da sinalización”, explicou Rubén Cela en rolda de prensa.

Así, aludiu á falta de conservación que provoca “unha imaxe patética dunha cidade Patrimonio da Humanidade, capital de Galiza e cunha Universidade que ten máis de 500 anos”. O portavoz nacionalista en Raxoi advertiu do incumprimento “que vén de vello” dun convenio subscrito pola Universidade de Santiago de Compostela e polo Concello de Santiago, “onde se realiza a parte que ten a ver co contido fiscal mediante a que a USC abonou as cantidades adebedadas en concepto de IBI até 2003 e, a partir de aí, houbo unha exención total do seu pagamento e tamén a exención formal da titularidade do sistema viario do campus por parte do Concello, porque regula o mecanismo de ORA para o aparcadoiro en superficie e, ademais, a USC asume a vixilancia privada no campus sur”.

Por estes motivos, o BNG reclamará no Pleno a elaboración e execución dun plan de urxencia para a reparación de vías e beirarrúas no campus sur, ademais do mantemento de pistas deportivas, peches, colectores de lixo, sinalización e mobiliario urbano.

O texto da moción recolle que este campus presenta un mal estado xeneralizado, case de abandono, en canto a pavimentación, enlousado, pistas deportivas, peches, colectores de lixo, sinalización e mobiliario urbano derivado da falta de mantemento nos últimos anos. Deste xeito, require unha actuación urxente para diminuír o perigo que supón o mal estado da pavimentación tanto para vehículos como para milleiros de persoas que transitan a diario pola zona que, ademais, provocan unha imaxe inadecuada para unha cidade que se gaba da súa Universidade.

Máis imaxes nesta galería

O BNG require un plan de actuación urxente para arranxar o campus sur, “nunha situación calamitosa”