O BNG traslada ao Pleno unha moción para que Santiago de Compostela se dote dun centro da UNED
Presta un servizo ás persoas que non poden cursar unha carreira universitaria de maneira presencial
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2015.- O grupo municipal do BNG defenderá no vindeiro Pleno unha moción para que o Concello inste ao Goberno do Estado a crear un Centro da UNED en Santiago de Compostela para atender a demanda existente e evitar desprazamentos a outras cidades.
Segundo recolle o texto da moción, o servizo que presta a UNED a milleiros de persoas, que por circunstancias distintas non poden cursar unha carreira de maneira presencial, é de grande utilidade e importancia para posibilitar a formación universitaria.
Na UNED ofértanse 27 graos, 65 mestrados universitarios e 18 programas de doutoramento e 600 cursos de formación. Componse de sedes centrais e de 62 centros asociados que se dividen en campus, cunha distribución zonal cunha ausencia flagrante, pois unha cidade da importancia universitaria de Santiago de Compostela carece de Centro Asociado ou Aula da UNED, sen esquecer que se trata da capital de Galiza.
Ademais, a demanda de estudos a distancia aumentou de maneira exponencial debido ao incremento das cifras de persoas desempregadas, por iso exponse a necesidade de localización dun Centro da UNED en Compostela dada a súa importancia universitaria, económica-administrativa e poboacional.
O BNG rexistrou unha iniciativa nese mesmo sentido no Congreso, para reclamar que se dote Santiago de Compostela dun centro asociado ou aula da UNED.