ENSINO

O BNG observa unha “involución” en Noriega ao cualificar de “ocorrencia” a proposta de Rubén Cela para municipalizar a Escola de Música

Empraza o alcalde de Santiago a “deixar de criticar a oposición e que se poña a traballar, porque el asumiu directamente a xestión desta crise” despois de desautorizar o concelleiro de Educación

O BNG observa unha “involución” en Noriega ao cualificar de “ocorrencia” a proposta de Rubén Cela para municipalizar a Escola de Música

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2018.- O portavoz municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, respondeulle ao alcalde Martiño Noriega que cualificar de “ocorrencia” a proposta de municipalizar a Escola de Música “retrata moi ben a involución que estamos a ver no Goberno local, porque hai unha distancia sideral entre o que Compostela Aberta di e o que Compostela Aberta fai”.

O BNG mantén unha actitude propositiva para que o Concello de Santiago asuma a xestión directa da Escola Municipal de Música, “entendido como unha solución e unha alternativa a un problema orixinado por unha mala actuación do grupo de Goberno que pode implicar o despedimento de 24 traballadores e traballadoras e un cambio no modelo educativo moi inferior ao actual”.

“Cualificar de ocorrencia unha proposta deste tipo retrata moi ben a involución que estamos a ver no Goberno local, porque hai unha distancia sideral entre o que Compostela Aberta di e Compostela Aberta fai”, sinalou. “Din que son os campións da remunicipalización e da recuperación dos servizos públicos, mais o que fai Compostela Aberta é manter todo este curso a Escola Municipal de Música sen contrato e, polo tanto, fóra do ámbito legal”, explicou. “Por primeira vez na historia privatizou a redacción dos pregos de licitación da Escola Municipal de Música, cando sempre o fixeran funcionarios e funcionarias públicas, tivo que chegar Compostela Aberta para iso se lle encargara a unha empresa privada”, engadiu, “ademais de tachar de ocorrencia algo que intenta resolver un problema que xera o propio grupo de Goberno, que se comprometeu incluso por escrito a subrogar os traballadores e traballadoras”.

Todo isto faino o Goberno de Compostela Aberta despois de manter durante máis de 2 anos sen contrato o servizo de ORA e o guindastre, de incumprir unha sentenza xudicial, de facer un proceso chapuceiro de remunicipalización e de pedirlle ao grupo do BNG o apoio explícito para que non quedasen na rúa 40 traballadores da concesionaria. A resposta do BNG foi votar a favor, pese a non estar de acordo co procedemento e das consecuencias legais que pode ter ao levantar un reparo suspensivo de Intervención.

Así, sinalou que é “un insulto á intelixencia, unha mostra de hipocrisía e de cinismo que retrata a deriva actual de Compostela Aberta”. Ademais, emprazou o alcalde de Santiago a “deixar de criticar a oposición e que se poña a traballar, porque el asumiu directamente a xestión desta crise” despois de desautorizar o concelleiro de Educación.

O BNG observa unha “involución” en Noriega ao cualificar de “ocorrencia” a proposta de Rubén Cela para municipalizar a Escola de Música