INTERMODAL
CA asume o proxecto do PP para a estación intermodal, co agravio de financiamento municipal do 30% con respecto a outras cidades
No convenio autorízanse os custes de mantemento desa pasarela por máis de 120.000 euros anuais por parte do Concello, en vez de pagalos ADIF ou a Xunta
Santiago de Compostela, 15 de maio de 2018.- O portavoz municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, sobre o Pleno extraordinario para a aprobación do convenio da pasarela peonil da estación intermodal, sinalou que “Compostela Aberta asume, de pé a pa, o proxecto do Partido Popular”.
O Concello de Santiago vai ter que pagar, a diferenza doutros concellos, case 1,7 millóns de euros por esa pasarela cando a estación de tren é unha competencia de ADIF e a estación de autobuses da Xunta. Deste xeito, vai pagar 30% o Concello, 30% a Xunta e 40% o Estado “cando noutros concellos non pagan nada”. Ademais, o Concello de Santiago vai ter que ceder gratuitamente os terreos de propiedade municipal, as expropiacións dos terreos como terreo rústico (que pode multiplicar por 4 o seu valor) e asume voluntariamente os custes de mantemento desa pasarela por máis de 120.000 euros anuais, en vez de asumilos ADIF ou a Xunta.
“Alguén pensa que un Concello paga a luz, a auga, a limpeza ou a seguridade nalgunha cidade do Estado español?”, preguntouse retoricamente Rubén Cela. Cuestionou ademais que o Ministerio non quitase a cláusula dos 3,5 millóns de pasaxeiros/as para construír a estación de tren, que segue no convenio.
Para o BNG, este proxecto non resolve os problemas a permeabilidade entre Pontepedriña e o Ensanche, crea incógnitas dende unha perspectiva de mobilidade nos accesos a Clara Campoamor, non soluciona o problema de aparcadoiro público para facilitar o uso de transporte público, ademais de existir un agravio comparativo evidente entre o financiamento das estacións da Coruña, Santiago, Vigo e Ourense, onde sae malparado Santiago. “A cláusula dos 3,5 millóns de pasaxeiros non se lle pediu a ningunha cidade de Galiza e Compostela Aberta achantou con ese abuso, ademais de dicir que voluntariamente vai pagar a factura da auga, da luz, da seguridade e do mantemento desa pasarela, á parte deses 1,7 millóns de euros que supoñen a achega do 30%”, advertiu. “Non se pode negociar peor e o convenio que trae Compostela Aberta ao Pleno non podía ser peor”, remarcou.