O BNG pregunta ao alcalde cando van abrir as cafetarías da estación de buses e Auditorio de Galiza
O peche destas instalacións implica a perda dun servizo básico nunha cidade turística e cultural, ademais de postos de traballo
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, rexistrou unha pregunta dirixida ao alcalde de Santiago para coñecer as xestións que ten previsto realizar para abrir as cafetarías da estación de autobuses e do Auditorio de Galiza, logo da incapacidade do anterior Goberno local para resolver as adxudicacións destas concesións municipais que deixan sen ofrecer servizo a milleiros de persoas usuarias destas instalacións.
Así, o BNG segue a reivindicar a apertura da cafetaría da estación de autobuses de Santiago de Compostela e a readmisión dos traballadores, tal como se comprometera o PP nun Pleno e como trasladou Rubén Cela na primeira reunión constitutiva desta nova etapa da empresa TUSSA ao novo Goberno de Compostela Aberta, para ofrecer un servizo de calidade á veciñanza e a milleiros de visitantes que teñen como porta de entrada e de saída esta infraestrutura que carece deste servizo público por mor da falta de xestión administrativa.
Tanto a cafetaría do Auditorio de Galiza como a da estación de autobuses, que levan máis dun ano pechadas, implican a perda dun servizo básico nunha cidade eminentemente turística e cultural que recibe todos os días milleiros de persoas e non teñen un espazo de restauración para poder tomar un bocadillo, un café ou un refresco mentres agardan nestas instalacións. Esta non é a mellor imaxe que pode levar unha persoa que visita ou vén traballar a diario a Santiago de Compostela, nin o mellor servizo que se pode prestar a veciños e veciñas. Rubén Cela advertiu tamén que, no caso do Auditorio de Galiza, comeza agora a tempada de abono cultural e segue a carecer deste servizo.
A isto hai que engadir unha perda de ingresos para o Concello polo canon de explotación, que podería reverter en asuntos de relevancia na cidade, tanto na mellora do transporte público como na sinalética ou nas marquesiñas.
Lembra o BNG que trasladou a Pleno do Concello de Santiago a reivindicación dos dereitos dos traballadores e conseguiu o compromiso do PP, cando estaba no Goberno local, de reabrir de xeito inmediato a cafetaría da estación de autobuses para que puidese continuar nos seus postos de traballo o persoal que levaba moitos anos contratado neste servizo público.