O BNG congratúlase da paralización do acordo para construír vivenda libre na parcela de Xoán XXIII
Rubén Cela lembra as mobilizacións do BNG contra esa operación especulativa e reclama que se faga vivenda en réxime de alugueiro para a mocidade
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2015.- O grupo municipal do BNG, a través do seu portavoz Rubén Cela, amosouse moi satisfeito coa decisión de intentar paralizar o acordo pactado entre o Instituto Galego de Vivenda e Solo e o Concello de Santiago sobre os usos da parcela pública de Xoán XXIII.
Para Rubén Cela, cómpre agora concretar como se vai resolver o uso desta parcela pública e lembrou que o BNG advertira de xeito reiterado do intento de pelotazo urbanístico, como un bo negocio para un promotor privado, cando era inicialmente un proxecto previsto para vivenda de alugueiro para xente nova, precisamente, para loitar contra a especulación nun espazo urbanístico especialmente atraínte pola súa proximidade á Catedral de Santiago.
Ademais, requiriu saber cales van ser os seguintes pasos a dar porque para o BNG era condición necesaria paralizar esta promoción especulativa para poder garantir que nesa parcela se constrúa vivenda de protección pública. É bo paralizar esa operación pero non sería bo que durante catro anos máis estivese parada esa parcela e siga a criar maleza, afirmou. Así, para o BNG é importante concretar como se vai verificar a construción de vivenda de protección nesa parcela.
Emprazou tamén o Goberno municipal a que volva sentar na mesa con responsábeis do Instituto Galego de Vivenda e Solo porque se fala de rachar ese convenio, cando realmente non hai ningún convenio xa que tanto a parcela de Lamas de Abade como a de Xoán XIII son propiedade do IGVS. Máis alá de que o IGVS, por unha cuestión de respecto institucional se o Concello de Santiago non é favorábel a esta operación, enténdese que non vai realizar o proxecto de xeito unilateral, explicou. Agora hai que ver se o Concello de Santiago vai ter a capacidade de presión e de sedución para que o IGVS retome o proxecto inicial, aínda con outras vías de financiamento ou de colaboración co Concello de Santiago, concluíu Rubén Cela.