Rubén Cela cualifica de boa noticia a implantación da base loxística de Ryanair en Santiago
A Xunta segue sen facer os deberes na coordinación e impulso dunha política aeroportuaria galega, explicou Rubén Cela
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, sobre o anuncio da instalación dunha base loxística de Ryanair cun investimento de preto de 90 millóns de euros no ámbito do aeroporto de Santiago de Compostela, manifestou que é unha das mellores noticias que podía recibir o aeroporto de Lavacolla e o sistema aeroportuario galego no seu conxunto.
A importancia que ten esa aeroliña está fóra de toda dúbida, cando o 50% da pasaxe de Lavacolla está operada por Ryanair e cando 2014 pechou mobilizando 1 millón de pasaxeiros/as. Subliñou que vai permitir un enlace con Madrid dende primeira hora da mañá, algo que o BNG viña demandando reiteradamente por motivos de negocios e de enlace con outros destinos, ademais dos novos destinos que se poidan conseguir. A isto hai que engadir, segundo expresou Rubén Cela, o número de empregos directos e indirectos que se van crear.
Para o portavoz nacionalista, esta é unha mostra do potencial deste aeroporto sen mediar diñeiro público. Porén, cuestionou os novos destinos que vai operar esa mesma aeroliña previo pago de 4,5 millóns de euros por parte do concello vigués, iso leva a que repitamos os erros unha e outra vez, coa duplicación de destinos como Dublín e Milán, na competencia entre os aeroportos galegos, na falta dunha dirección política global de ámbito galego que deixa que cada concello opere pola súa conta e risco e vai na dirección oposta a todos os informes técnicos que apuntan, en reiteradas ocasións, a necesidade de especialización, complementariedade e centralización da oferta internacional de aeroportos de Galiza dende Lavacolla.