O BNG solicita que se adecúe o horario do alumeado público
A veciñanza quéixase da falta de visibilidade nas rúas e reclama que a función deste servizo se adapte a cada estación do ano
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2012.- O grupo municipal do BNG de Santiago reclama a adecuación do horario do alumeado público ás horas de escuridade, posto que en moitas rúas se apaga ás 8 da mañá cando aínda é noite pechada e os días de choiva agrávase a falta de visibilidade, o que supón un problema de seguridade viaria. Este problema existe tanto nas zonas urbanas como no rural compostelán e dificulta o tránsito con normalidade.
Para o BNG, cómpre adaptar as horas de acendido e apagado do alumeado público ás estacións do ano e en necesidades da veciñanza que transita por determinadas rúas. En concreto, recibiu queixas da rúa da Senra, avenida de Lugo, avenida de Rodríguez de Viguri, ademais de lugares do rural.
En función da colocación, intensidade luminosa desexada e contorna, entre outros factores, o Goberno local debe dar instrucións á empresa concesionaria deste servizo público das adaptacións necesarias a cada estación do ano. Deste xeito, permítese un maior aproveitamento da luz solar no verán, para evitar que permanezan farois acesos a plena luz do día, para diminuír o consumo de enerxía e o gasto económico para as arcas municipais.
Trátase, pois, de controlar o gasto e optimizar recursos mais sen minguar a función de servizo público que debe realizar o alumeado en cada estación do ano e das condicións meteorolóxicas.