O BNG pregunta pola demora nas obras de climatización da escola infantil do Tambre
O proxecto aprobouse en novembro de 2014 cun prazo de execución dun mes e, pese ás promesas, aínda non comezaron a actuación
Santiago de Compostela, 9 de maio de 2015.- O grupo municipal do BNG rexistrou unha pregunta dirixida ao alcalde, ante da demanda da comunidade educativa, para requirir a axilización das obras de climatización da escola infantil do Tambre, toda vez que esta actuación foi aprobada en Xunta de Goberno Local en novembro de 2014 cun prazo de execución dun mes e aínda non comezaron as obras, pese aos reiterados anuncios do Goberno local.
Así, a concelleira Elvira Cienfuegos pregunta polos motivos da demora na realización destas obras e por que non se realizaron actuacións paliativas, para evitar os problemas de acondicionamento mentres non se lle dá unha solución definitiva.
Para o BNG, trátase unha vez máis dunha mostra da mala xestión do Goberno local do PP en materia de educación, pois a tardanza está a causar prexuízos tanto ao alumnado como ao profesorado do centro.