Rubén Cela afirma que o BNG tomará nota da mensaxe da cidadanía para cambiar o que sexa preciso"
Era fundamental apartar o PP porque exerceu nestes últimos catro anos o peor Goberno da etapa democrática de Santiago de Compostela, explicou
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2015.- Rubén Cela, a preguntas de xornalistas, realizou unha valoración inicial dos resultados electorais que lle outorgan 2 edís ao BNG, co 6,9% dos apoios e afirmou que tomará nota da mensaxe da cidadanía para decidir os pasos a cambiar cara ao futuro.
A lectura que facemos dende o BNG, a expensas de reunir os organismos como a Executiva nacional do BNG e o Consello local, é agridoce, explicou, dende a perspectiva de que se cumpriu un dos principais obxectivos marcados neste proceso electoral que era desbancar o PP do Goberno municipal de Santiago, porque era fundamental apartar o peor Goberno da etapa democrática; mais tamén é agre porque dende a perspectiva do resultado acadado polo BNG non é satisfactorio. Nese sentido, comprometeuse a tomar nota de moitas cousas e, dende os organismos do BNG, analizarán con calma os resultados, e haberá que cambiar a partir de aí.
Estabamos ante o escenario político máis aberto, no ámbito local, dende a Transición e nese sentido podía pasar absolutamente de todo, sinalou. Para Rubén Cela, estamos nun panorama volúbel e cambiábel que evidencia que estes catro anos crearon unha grandísima desafección entre a cidadanía de Santiago e a institución, que pagou quen a provocou, que foi o PP, pero tamén acabamos pagando parcialmente quen tivemos representación nesta institución durante catro anos.
Preguntado sobre as causas, explicou que cando se dan resultados deste tipo nunca son unicausais, haberá que analizalos mesa a mesa e barrio a barrio, porque o resultado das urnas nunhas eleccións é inapelábel. Considera tamén que o castigo ao BNG foi excesivo a respecto do traballo que realizou estes catro anos nesta institución e dos 12 anteriores no goberno. A democracia é así, hai que respectar o resultado e tomar nota da mensaxe que manda a cidadanía e, a partir de aí, os organismos do BNG analizarán con calma os pasos que hai que dar no futuro, concluíu.