PLENO

O BNG preguntará no Pleno sobre as xestións para o selado e clausura do vertedoiro de Miramontes

Plataforma Miramontes-Grixoa
Plataforma Miramontes-Grixoa

Existen grandes cantidades de materia orgánica sen estabilizar, que producen unha alta concentración de metano e incrementan

O BNG preguntará no Pleno sobre as xestións para o selado e clausura do vertedoiro de Miramontes

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2022.- O BNG trasladará ao Pleno unha iniciativa para coñecer cales son as xestións do Goberno local para a clausura do vertedoiro de Miramontes e o prazo previsto para o seu selado definitivo.

O pasado 11 de abril o alcalde anunciou a previsión de clausurar no verán a actividade da canteira de Miramontes-Grixoa, logo dunha sentenza relativa á falta de comunicación previa por parte de Sertego que fai referencia a que a empresa debía informar á Administración local, e non só á Xunta, sobre o cambio de titularidade da actividade industrial, que ademais incluíu unha ampliación de residuos como o depósito de amianto, entre outros.

A iso súmase que a canteira está xa ao límite de capacidade de acumulación de residuos, logo da incesante actividade onde se depositan sen tratar residuos industriais, orgánicos, sanitarios, veterinarios, alcatráns, lodos de depuradora, pilas e cristais, entre outros, transportados desde diversos lugares de Galiza.

Existen grandes cantidades de materia orgánica sen estabilizar, que producen unha alta concentración de metano incrementando o risco de incendio. Isto require a creación dun número maior de chemineas para evitar os incendios que se provocan pola combustión e os gases que xera a acumulación de materia orgánica sen o debido tratamento. O último produciuse o pasado sábado 18 de xuño e provocou grandes fumaredas que afectaron á calidade do aire na contorna. Ademais destas irregularidades, é constante o tránsito de camións de gran tonelaxe por pistas rurais por onde tiñan limitado o acceso.

Desde a Plataforma de afectados/as polo vertedoiro de Miramontes-Grixoa reclamaron durante estes últimos anos que desde o Goberno local e desde a Xunta se realicen as xestións necesarias para frear as irregularidades que se están a producir neste vertedoiro, para evitar que se continúe a contaminar o solo, o aire e as augas desta zona rural de Santiago de Compostela.

 

O BNG preguntará no Pleno sobre as xestións para o selado e clausura do vertedoiro de Miramontes