PLENO
O BNG reclama a ampliación do tempo dos semáforos nos pasos de peóns da Porta do Camiño e da Senra
Non teñen tempo suficiente para cruzar, o que dificulta o paseo a persoas con problemas de mobilidade
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2022.- O BNG reclama que o Goberno local proceda a revisar os tempos dos semáforos para a súa coordinación e facilitar o paso de persoas e vehículos, co obxectivo de mellorar a mobilidade e posibilitar o paseo das persoas con mobilidade reducida.
En Santiago de Compostela non existe unha coordinación semafórica adecuada de xeito que favoreza a fluidez do tráfico e do tránsito peonil. Cando un semáforo se pon en verde e os vehículos inician a marcha, aos poucos metros atopan un seguinte semáforo en vermello, en vez de estaren coordinados para seguir un ritmo constante.
O mesmo acontece para as persoas que van a pé mais, neste caso, como xa o BNG reclamou en diversas ocasións, hai algúns deles que non teñen tempo suficiente para o cruzar a un paso normal.
De tal xeito que o semáforo da Senra máis próximo á praza de Galiza, ademais de estar descoordinado co tránsito de vehículos, ten moi poucos segundos para atravesar os 12 metros cos catro carrís de circulación e as persoas maiores, con mobilidade reducida, discapacidades sensoriais ou con crianzas non chegan a tempo á outra beirarrúa.
Outro exemplo, aínda máis problemático, é o do semáforo situado enfronte da residencia da Porta do Camiño, cun paso de peóns de 16 metros aproximadamente, que non ten tempo suficiente para o atravesar.
Desta forma, é necesaria unha revisión dos fluxos peonís e de vehículos para acomodar os ritmos nos cruzamentos e pasos de peóns, de cara a facer unha cidade máis amábel no ámbito da mobilidade.