PLENO
Goretti Sanmartín traslada ao Pleno unha moción para a mellora dos espazos públicos do Ensanche
Reclama coordinación horaria do servizo de limpeza, especialmente despois das noites de marcha nocturna, para que cando abra o comercio xa estea todo limpo
Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2022.- O BNG traslada ao Pleno unha moción para a mellora dos espazos públicos no Ensanche compostelán, para adoptar as medidas necesarias, de xeito coordinado entre os distintos departamentos municipais, mediante a elaboración dun diagnóstico para pór en marcha un plan a medio prazo co fin de gañar calidade de vida para as persoas residentes.
O abandono xeral sufrido nos espazos públicos do Ensanche compostelán nos últimos anos, coa deterioración de lousas en beirarrúas e na rede viaria, problemas de accesibilidade, barreiras arquitectónicas, pasos de peóns mal pintados, falta de iluminación, colectores de residuos en mal estado e sucidade derivada do lecer nocturno son consecuencia, en boa medida, da falta de labor de mantemento municipal. Outro aspecto a ter en conta é a proliferación de pintadas en moitos portais, fachadas, escaparates, mobiliario urbano e sinalizacións de todo tipo.
A iso súmase a falta de coordinación e planificación na pretensión de introducir cambios na mobilidade, orientada a favorecer o tránsito peonil, que foi realizada sen programación, sen campaña de sensibilización previa nin análise pública de resultados para a súa mellora.
Os problemas da falta de prazas de aparcamento, o elevado prezo do aparcadoiros privados e o colapso de tráfico a determinadas horas, unido ás beirarrúas estreitas, non favorecen que sexa un lugar amábel para pasear. Outro compromiso pendente coa veciñanza e asociacións comerciais do Ensanche, para alén da recuperación dos aparcadoiros da praza de Vigo e da praza de Galiza para a xestión pública, é o proxecto de construción dun aparcamento público, de xestión pública, no Campus sur da USC para aliviar a situación actual.
A veciñanza tamén se queixa de que os parques infantís resultan insuficientes e precisan unha renovación de elementos de xogo, do mesmo xeito que a praza de Vigo e a praza Roxa necesitan unha remodelación urbana máis integradora para o encontro social no tempo de lecer. De acordo das demandas da zona de Barrio Xardín, tamén se poden acondicionar espazos como a praza da Constitución para actividades que recuperen xogos tradicionais, realizar roteiros culturais, exposicións de fotografía histórica, clases de ximnasia ao aire libre e espectáculos de pequeno formato.
Existe tamén un grave problema derivado da vivenda baleira no Ensanche, cando hai demanda de alugueiro. É urxente a realización dun censo das residencias deshabitadas, cunha análise detallada dos motivos e coa posibilidade de xestionar axudas públicas para a súa rehabilitación, de cara a insonorizalas, gañar confortabilidade e facelas accesíbeis para lle dar saída a esa bolsa de vivendas tan abondosa como necesaria para facer un verdadeiro plan de dinamización do mercado de alugueiro en Compostela que permita fixar poboación.
É necesario promover Santiago como “Capital de Compras” e mellorar o atractivo desta zona residencial, comercial e de negocios, con campañas de dinamización e estímulo de compras para a veciñanza e para as persoas que visitan Compostela, con actividades de rúa e espectáculos nas prazas.
Ruído nocturno e sucidade
Tampouco se implicou o Goberno local en buscar unha solución ao grave problema do ruído nocturno, máis alá de dispersar estudantes das rúas ao inicio de curso, cando é un problema persistente que imposibilita a falta de descanso a milleiros de persoas residentes no Ensanche cada semana durante a madrugada, xunto coa sucidade que se atopan en beirarrúas e portais derivada das consecuencias e comportamentos inadecuados polo consumo excesivo de alcohol. Así, faise necesaria, entre outras medidas, unha campaña de concienciación para mitigar este problema.
Outro aspecto a mellorar é a coordinación horaria do servizo de limpeza viaria, especialmente despois das noites de marcha nocturna, para que cando abra o comercio xa estea todo limpo, non como acontece na actualidade que pasan a fregar despois do mediodía, o que dificulta o traballo e provoca que mollen a xente que transita pola rúa, que vai mercar no pequeno comercio e que está nas terrazas.