PLENO

O BNG presenta unha batería de emendas á Ordenanza de Circulación “para apostar por un novo modelo de mobilidade máis amábel, con prioridade para as persoas e non os vehículos a motor”

Favorecer o uso da bicicleta
Favorecer o uso da bicicleta

Os cambios deben ir tamén na liña de incluír a perspectiva de xénero para dispor dun modelo inclusivo, sinala Goretti Sanmartín

O BNG presenta unha batería de emendas á Ordenanza de Circulación “para apostar por un novo modelo de mobilidade máis amábel, con prioridade para as persoas e non os vehículos a motor”

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2021.- O grupo municipal do BNG, logo de diversas reunións con Composcleta e con outras asociacións de carácter social, trasladou unha batería de emendas á reforma da Ordenanza de Circulación que se votará no Pleno deste mércores. “A redución da sinistralidade viaria e o fomento da mobilidade amábel deben ser os obxectivos principais desta nova ordenanza”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.

Foi a instancia dunha moción do BNG que se levou adiante este proceso para modificar a ordenanza, coa oposición do PSOE, no pleno de novembro de 2020. “Mais no procedemento faltou participación coas asociacións e apostar por un modelo modelo de sustentabilidade amábel”, advertiu.

De feito, o BNG incide na necesidade dun cambio de denominación polo de “Ordenanza reguladora da mobilidade amábel e da utilización dos espazos públicos”. Ademais, propón un novo apartado titulado “Motivación da ordenanza” onde se indica que debe apostar por un novo modelo de mobilidade, máis amábel e co centro de atención nas persoas e non nos vehículos a motor, pois a actual é incapaz de responder aos retos que o concello ten para as próximas décadas porque está concibida fundamentalmente para regular o tráfico de vehículos a motor e dálle prioridade absoluta á circulación motorizada.

Transcorridos máis de 20 anos desde a entrada en vigor desta ordenanza, a mobilidade en Santiago de Compostela cambiou de xeito substancial, tanto polo crecemento de determinados barrios como pola transformación social no relativo a uso e modelos de transportes, aparcadoiros, hábitos de vida, fluxos de entrada e saída da cidade e xeitos de desprazamento. A pacificación do tráfico, a colocación das persoas que circulan a pé no centro e a prioridade das bicicletas ten que estenderse a todo o ámbito urbano.

“O Concello de Santiago ten que avanzar e liderar a democratización dos usos dos espazos públicos e apostar con coherencia pola seguranza viaria”, sinala a portavoz do BNG. Non é allea a nosa cidade a accidentes de tráfico con resultado de persoas mortas ou feridas, mesmo en ocasións en pasos de peóns.

Os cambios introducidos nesta ordenanza deben ir tamén na liña de incluír a perspectiva de xénero para dispor dun modelo de mobilidade inclusivo, coa incorporación de facilidades para persoas con carriños de bebés, embarazadas e con doenzas que afectan especialmente a mulleres, que requiren maior espazo para os seus desprazamentos, melloras no acceso ao transporte público, zonas con maior accesibilidade e seguranza no reparto dos espazos públicos. Do mesmo xeito que debe incluír referencias ás persoas maiores e aos coidados que requiren, tamén para desprazarse, en zonas localizadas como na contorna de centros de saúde, centros de día, residencias e parques biosaudábeis.

Calmado do tráfico e formas de desprazamento sustentábeis

Para alén de se adaptar ao novo marco xurídico vixente e de ordenar as novas realidades emerxentes da mobilidade individual, esta ordenanza debe pretender desenvolver novos conceptos e principios que as cidades máis avanzadas xa están a facer desde hai tempo. Entre eles sitúanse o calmado do tráfico, o concepto de servizo ou necesidade e a aposta polas formas de desprazamento non motorizadas e máis sustentábeis e amábeis.

Os principios en que se basea esta modificación normativa son os de flexibilidade e especificidade. Desde esta perspectiva, non é preciso regular aquilo que xa regulan normas de rango superior e, desde a potenciación da mobilidade sustentábel, procúrase non caer nun exceso de rixidez regulamentista que poida implicar que a Ordenanza sexa un atranco para novos avances de transformación cara á mobilidade amábel, advertiu.

É imprescindíbel trasladar e facer efectiva a xerarquía de mobilidade, prelación de actividades e usos dos espazos públicos, que detallamos a seguir: peonil, ciclista oi con vehículo de mobilidade persoal (VMP), transporte público ou de mercadorías e automóbil ou motocicleta privados.

Transporte de animais en bicicletas

En canto aos cambios de articulado, o BNG aposta por permitir nas bicicletas o transporte de animais, persoas en asentos adicionais ou remolques, debidamente certificados e homologados, coas limitacións de peso que estes dispositivos estipulen, ademais de mudar a xerarquía entre as mobilidades mecanizada e motorizada e apartados relativos ao aparcamento.

Así, defende que as bicicletas, con ou sen pedaleo asistido, ciclos e vehículos de mobilidade persoal sen motor, terán preferencia sobre as mobilidades motorizadas, incluídas as bicicletas eléctricas ou os ciclos de motor, sempre sen prexuízo das preferencias de paso e restantes prioridades estabelecidas para os supostos de concorrencia dos distintos vehículos na normativa xeral.

As persoas condutoras dos vehículos motorizados terán que circular con respecto aos vehículos de mobilidade mecanizada e conducir de xeito que non ameacen a súa seguranza, e deben facilitarlles a súa boa circulación, respectar as distancias de separación para adiantamento e cederlle o paso nos cruzamentos en que non estean definidas as prioridades.

O BNG defende que entre as mobilidades motorizadas terán prioridade e preferencia sobre as demais os vehículos prioritarios en servizos de emerxencias ou outros servizos públicos especiais, segundo o disposto na normativa xeral. A continuación terán prioridade, por esta orde, os vehículos destinados ao servizo de transporte público de viaxeiros/as, o transporte de mercadorías e, por último, o VMP, a motocicleta, o turismo e os demais automóbiles privados.

Tránsito na Cidade histórica

As bicicletas, os ciclos, así como os vehículos de mobilidade persoal, incluídos os vehículos recreativos non motorizados ou con motorizacións de moi pequena potencia, fabricados segundo a normativa vixente en materia de seguridade industrial e xeral dos produtos, poderán circular polo centro histórico, polas zonas e espazos de coexistencia e uso plural e polas rúas de preferencia peonil con plataformas únicas respectando a velocidade máxima de 10 km/h, con excepción daquelas rúas ou treitos en que o Concello o prohiba expresamente, de xeito total ou por franxas horarias pola masiva afluencia peonil que impida ou dificulte a súa circulación, mediante a correspondente sinalización, segundo recolle outra das emendas do BNG.

 

 

O BNG presenta unha batería de emendas á Ordenanza de Circulación “para apostar por un novo modelo de mobilidade máis amábel, con prioridade para as persoas e non os vehículos a motor”