PLENO
O BNG traslada ao Pleno unha moción para que o proxecto do Orbitaliño sexa consensuado coa veciñanza de Formarís, na Sionlla, e respecte os núcleos tradicionais rurais
Santiago de Compostela, 28/06/2021.- O grupo municipal do BNG trasladará ao Pleno de xuño unha iniciativa para instar o correspondente órgano de Goberno a realizar as xestións necesarias para que o proxecto do Orbitaliño, o enlace da estrada N-550 co Orbital de Santiago de Compostela que se atopa na fase de redacción do proxecto e que contará cunha nova fase de alegacións, despois da resolución do 8 de marzo de 2021 do informe de impacto ambiental abreviado, sexa consensuado coa veciñanza de Formarís, na Sionlla, e respecte os núcleos tradicionais rurais coa menor afectación posíbel de cara a evitar que esta infraestrutura fragmente os núcleos de poboación e que se garanta a súa cohesión territorial, ademais de garantir o acceso funcional correspondente aos estabelecementos comerciais existentes.
A veciñanza de Formarís trasladou en agosto de 2020 unha proposta cun trazado consensuado para a execución do denominado Orbitaliño, coa realización dunha glorieta e dunha rotonda de 25 metros de diámetro, a uns 350 metros cara ao noreste da anterior, ambas situadas a nivel da N-550, co fin de reducir o impacto da obra prevista para o enlace desa estrada co Orbital de Santiago de Compostela.
Nesa proposta, que mantén plena funcionalidade en tanto que permite realizar con seguranza todos os xiros en cada dirección e permite o uso previsto dos carrís de servizo xa existentes, ao estaren as dúas glorietas na rasante da estrada N-550, facilítase a conexión coas parcelas, polígonos e edificacións existentes e proxectados no PXOM. A solución debe incluír tamén que se garanta o acceso funcional correspondente aos estabelecementos comerciais existentes.
Ademais, evitarase o tránsito de tráfico pesado no núcleo de Formarís e o incremento de vehículos lixeiros na zona, o que significará unha mellora da seguranza viaria e unha diminución da xeración de ruídos e vibracións. Isto resulta compatíbel co transporte público xa que respecta as paradas actuais de autobuses nos dous sentidos de circulación.
Outras das vantaxes son que non afecta a vivendas e a necesidade dunha menor superficie de expropiación, xunto cun menor impacto visual, acústico e de vibracións e de supor un menor movemento de terras e unha xeración de residuos inferior á outra actuación proposta.
Pola súa parte, o Concello tamén trasladou informes con consideracións e propostas ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico sobre este proxecto entre as que destacan a necesidade de que se asuma a condición urbana dos solos entre o tramo de FINSA, Polígono do Tambre e o núcleo de Formarís-Sionlla de Arriba. Propón que se entenda que a N-550 neste tramo discorre por solo urbano e, polo tanto, para manter o seu carácter estruturante debe configurarse como unha avenida con tronco principal e vías de servizo por ambas as marxes para que a elas se poidan incorporar vías transversais e persoas usuarias das parcelas urbanas que se conformaron sobre eses terreos. Para iso, cómpre formalizar vías de servizo unidireccionais que sirvan directamente ao solo urbano dos solos desenvolvidos urbanisticamente dos SUNP-37.3 e SUNP-38 e ao dos asentamentos urbanos de Formarís-Sionlla de Arriba.
Proponse, ademais, que se dispoña dun dobre carril nas vías de servizo, que propicie o trenzado de incorporación entre estas e o tronco principal e viceversa. En canto á humanización da obra, opta por dispoñer dun espazo de respecto entre as vías de servizo e as edificacións e/ou aliñacións sinaladas polos planeamentos aprobados (duns 5 metros de ancho como mínimo para o caso dos antigos asentamentos de Formarís) que permita a materialización de beirarrúas para a mobilidade peonil, espazos axardinados e arborados, aparcadoiros, colocación de marquesiñas e reservas de espazo para a parada autobús, ademais de iluminación viaria.