PLENO
O BNG de Santiago cuestiona o “procedemento antidemocrático” do alcalde do PSOE na última sesión plenaria
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2021.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, a preguntas de xornalistas, cualificou de “irregular” o procedemento do Pleno ordinario do mes de xuño no Concello de Santiago de Compostela no referido ás constantes interrupcións e cambios na orde do día, ás votacións a favor ou en contra de emendas idénticas por parte do PSOE na Ordenanza de Circulación e á actitude antidemocrática demostrada na convocatoria do Pleno extraordinario sen ter en conta a vontade dos grupos da oposición.
Despois de realizar paradas no medio da sesión plenaria para actos protocolarios organizados polo propio Goberno local e de que se interrompesen debates e votacións porque faltaban concelleiros e concelleiras do propio equipo de Goberno, “a oposición actuou con total elegancia asistindo a eses actos, favorecendo que todas as persoas puidesen votar e participar neses debates cando lles tocaba intervir”, explicou Goretti Sanmartín. “Unha actitude de elegancia e de respecto democrático que non ten que ver coa do grupo de Goberno nin do alcalde que, con formas absolutamente ditatoriais, pretende dirixir o Pleno ao seu antollo, sen rigor nin coherencia e dunha maneira antidemocrática”, advertiu.
Emendas idénticas con resultado de votación distinto
Ademais, sinalou que foi un “episodio surrealista” a votación de emendas presentadas á Ordenanza de Circulación, pois nas emendas dos grupos municipais que eran exactamente iguais, o grupo de Goberno votou distinto dependendo de quen presentase esa emenda. “Iso indica ruindade política e unha falta de acreditar na participación, sobre todo, porque algunhas destas emendas estaban contrastadas e consensuadas coa asociación de persoas usuarias da bicicleta Composcleta que nin sequera foi recibida até última hora para non chegar a ningún acordo nin dialogar por parte do grupo de Goberno”, engadiu.
O BNG asistiu tamén ao “lamentábel espectáculo” de que, ás 22:30 unha vez acabado o Pleno ordinario, despois de 12 horas continuadas de sesión, o señor alcalde non atendese as peticións dos tres grupos da oposición de que se deixase a convocatoria do Pleno extraordinario para outro día. “Non atender esas peticións e convocalo igual só coa presenza do grupo de Goberno realmente parécenos un xesto eticamente reprobábel que demostra unha actitude ditatorial e que agardamos que non se repita e que desde o BNG denunciamos contundentemente”, concluíu Goretti Sanmartín.