TRIBUTOS

O BNG propón un plan de choque para resolver as reclamacións no imposto de plusvalías

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Recibiu queixas de que as oficinas tributarias municipais non aplican o contido de sentenzas que permiten achegar probas de que non houbo incremento do valor patrimonial

O BNG propón un plan de choque para resolver as reclamacións no imposto de plusvalías

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021.- O grupo municipal do BNG trasladoulle unha pregunta ao alcalde para instar a garantir a resolución de reclamacións e recursos relativos ao imposto da plusvalía nos prazos previstos na Lei de Facendas locais. Ademais, Goretti Sanmartín, portavoz municipal, propón “a aplicación dun plan de choque para evitar demoras excesivas na resolución destas reclamacións, tendo en conta as consecuencias para as persoas afectadas”.

Diversas sentenzas do Tribunal Constitucional anularon a aplicación do imposto de plusvalía, nos casos en que quede acreditado que non se pon de manifesto un incremento patrimonial, pois se prevé un mecanismo de autorregulación, explicou Goretti Sanmartín. Posteriormente unha sentenza do Tribunal Supremo volve indicar que as persoas con obrigas tributarias poden probar a inexistencia dun aumento do valor do terreo ante a Administración municipal, podendo ofrecer calquera indicio de proba que, con anterioridade, a Lei de Facendas locais non admitía.

O grupo municipal do BNG recibiu queixas de persoas sobre a falta de aplicación do contido destas sentenzas no cobro do imposto de plusvalía. “Temos tamén coñecemento de que no Consello Consultivo se revisou un expediente de Santiago dunha anulación da plusvalía onde a persoa interesada tivo que ir ao Xulgado para forzar que lle tramitasen o expediente, con reticencias dos servizos municipais”, engadiu a portavoz municipal.

O Concello ten a competencia na imposición de tributos propios, entre eles o IIVTNU (coñecido como plusvalía), polo que debe atender a súa xestión e liquidación, así como a resolución dos recursos e reclamacións das persoas interesadas nos prazos estabelecidos na normativa reguladora das facendas locais. “Mais segundo refiren persoas atendidas nas oficinas tributarias do Concello, cónstannos atrasos na obriga de resolver recursos e reclamacións ante liquidacións da plusvalía, incumprindo así as obrigas legais de resolver en prazo, polo que queremos coñecer as previsións do Goberno local do PSOE á hora de impulsar medidas organizativas e de recursos materiais para asegurar unha eficaz xestión destes expedientes”, indicou.

Ademais, o BNG quere saber en cantos expedientes foron revisados os valores a instancias das persoas contribuíntes neste mandato municipal, tendo en conta que non se está a aplicar o contido das sentenzas que permiten achegar documentación sobre a inexistencia dun incremento do valor patrimonial.

 

 

O BNG propón un plan de choque para resolver as reclamacións no imposto de plusvalías