PLENO
Navia Rivas reclama que desde o Concello se atendan as peticións da veciñanza para poder efectuar os labores de prevención de incendios
O BNG recibiu queixas de parcelas que entrañan perigo situadas nas proximidades da gasolineira de Roxos, no Cotolengo e dos accesos de camiños públicos en Vidán
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2021.- A concelleira Navia Rivas trasladará ao Pleno unha iniciativa para que o Goberno local do PSOE atenda as peticións da veciñanza para colaborar e efectuar os necesarios labores de prevención de incendios.
O Concello de Santiago de Compostela debe, como cada ano, realizar labores de prevención de incendios forestais durante todo o ano e, especialmente, na primavera para contribuír a reducir o risco de lume na tempada de verán. Por estes motivos, é necesario efectuar as rozas correspondentes no terreos de titularidade municipal cubertos de maleza e darlle facilidades e indicacións á veciñanza sobre a responsabilidade de controlar a vexetación preto das vivendas.
Zonas moi castigadas polos incendios forestais como a aba do Monte Pedroso e a Selva Negra, de titularidade da Xunta e do Concello de Santiago, respectivamente, requiren dunha atención especial para evitar lumes no verán.
“Como xa explicou o grupo municipal en anteriores ocasións, deixar de facer os traballos de prevención, na época máis propicia para iso, é unha temeridade tanto para o patrimonio natural e forestal como para os intereses económicos, ademais de pór en perigo a seguridade das persoas que viven no ámbito rural”, advertiu Navia Rivas.
A veciñanza, cada vez máis concienciada dos danos que provocan os incendios forestais, está a trasladar numerosas queixas de parcelas que requiren a eliminación e control de vexetación excedente que pode provocar risco de lume.
“No BNG recibimos queixas de que en lugares como as proximidades da gasolineira de Roxos, cunha parcela que ameaza perigo todos os veráns, con lumes frecuentes e que mesmo obrigaron a desaloxar unha vivenda en 2019, representan un problema que cómpre atallar dunha vez por todas, requiríndolle ás persoas propietarias que se fagan cargo da mesma ou actuar segundo proceda para que iso estea en boas condicións”, explicou a concelleira.
Outra zona afectada é no barrio do Castiñeiriño, no Cotolengo, da que recibiu queixas o BNG ante a preocupación veciñal de que pode arder pola excesiva maleza acumulada.
Tamén en Vidán existen problemas para a roza de parcelas, mais neste caso a situación agrávase porque os camiños están impracticábeis e impiden o paso para desenvolver estes traballos de prevención de incendios que se lle requiren á veciñanza. En 2020 produciuse un incendio na zona e a maquinaria para poder achegarse a extinguilo ocasionou acumulación de terras e pedras e non se reparou con posterioridade polo que, na actualidade, están dificultados aínda máis o tránsito por estes camiños. De feito, o Concello de Santiago instalou un sinal de advertencia prohibindo o acceso por risco de caída, segundo a información que trasladou a veciñanza. Así, é necesario buscar unha solución para reparar estes camiños co fin de proceder á limpeza destas parcelas para evitar o risco de incendio.
“Deste xeito, o BNG demanda, un ano máis, que se axilicen os procedementos para a realización destes traballos de prevención que lle corresponden ao Concello, co fin de contribuír a reducir o risco de lume no verán e para darlle cumprimento á normativa vixente en materia de prevención e loita contra incendios forestais”, indicou.