DEPURADORA

Goretti Sanmartín cuestiona que Santiago teña que asumir 9 millóns de euros para facer a depuradora “porque hai un PSOE que non negociou ben e se prega ao Goberno do Estado e da Xunta”

Río Sar
Río Sar

Santiago asume o 16% da obra cando outros concellos pagan o 5% desa infraestrutura e eses 9 millóns van saír do peto da veciñanza

Goretti Sanmartín cuestiona que Santiago teña que asumir 9 millóns de euros para facer a depuradora “porque hai un PSOE que non negociou ben e se prega ao Goberno do Estado e da Xunta”

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, destacou que a adxudicación da obra da estación depuradora é parte “dun culebrón que mal comeza e é evidente que mal remata para a veciñanza de Santiago de Compostela”, que vai ter que asumir case 9 millóns de euros do custe “porque hai un PSOE que se prega ao Goberno do Estado e da Xunta e non negociou ben”.

Así, cuestionou que se anuncie “como unha gran noticia” a adxudicación das obras da depuradora que, para o BNG, por suposto que son necesarias e imprescindíbeis mais que “xa hai anos que deberían estar rematadas”. “Mais iso non significa que non vexamos en perspectiva o que este proceso lle vai custar á veciñanza de Santiago de Compostela”, indicou.

Despois de decisións erradas e partidistas por parte do PP, da inacción de CA que asumiu durante moito tempo do seu mandato o mesmo proxecto do PP e foi incapaz de reconducir o tema da depuradora, “temos agora un PSOE que non consegue un bo convenio para Santiago, pois é incapaz de negociar nin co Estado nin coa Xunta”.

Explicou que o convenio inicial recollía que a administración municipal podería achegar os terreos e o 5% do financiamento da obra, como se fixo noutras cidades e lugares tanto de Galiza como do resto do Estado, mais agora o Concello de Santiago de Compostela ten que poñer o 16% do custo desa infraestrutura, case 9 millóns de euros.

Eses 9 millóns van saír do peto da veciñanza

“Directa ou indirectamente estes 9 millóns van saír do peto das persoas que vivimos en Santiago de Compostela, ou ben ao repercutir a tarifa no recibo da auga e saneamento ou ben das arcas municipais”, advertiu. “Non é de recibo que o Estado poña o 65% nesta infraestrutura imprescindíbel e de utilidade pública, a Xunta pon o 19% e o Concello o 16%”, engadiu.

“O mínimo que se pode facer é pedir desculpas e perdón ao conxunto da poboación de Santiago porque despois de tantos anos de discutir sobre o procedemento da estación depuradora, vaise construír pero ben cara lle vai custar á veciñanza de Santiago porque a negociación con outras administracións, igual que aconteceu coa estación intermodal, non foi positiva porque hai un PSOE que se prega ao Goberno do Estado e da Xunta”, concluíu.

 

 

 

Goretti Sanmartín cuestiona que Santiago teña que asumir 9 millóns de euros para facer a depuradora “porque hai un PSOE que non negociou ben e se prega ao Goberno do Estado e da Xunta”