PLENO

Navia Rivas reclamará no Pleno que se actualice o inventario e se retire a simboloxía franquista que permanece en Santiago

Escudo na rúa dos Concheiros
Escudo na rúa dos Concheiros

Aínda permanecen en Compostela escudos de enxalzamento da ditadura pese aprobarse en 2017 unha moción do BNG e á Lei de Memoria histórica

Navia Rivas reclamará no Pleno que se actualice o inventario e se retire a simboloxía franquista que permanece en Santiago

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2021.- A concelleira Navia Rivas trasladará ao Pleno unha iniciativa para a eliminación de simboloxía franquista que aínda permanece en edificios de Santiago de Compostela, anos despois da entrada en vigor da Lei de Memoria Histórica e de que se aprobase en febreiro de 2017 unha moción do BNG neste sentido. Así, solicitará que o Goberno local realice, cos departamentos e asociacións correspondentes, “un inventario actualizado de simboloxía franquista e nomes do rueiro que permanecen na cidade de Santiago de Compostela para trasladar á vindeira reunión da Comisión da Memoria histórica co obxectivo de proceder á súa retirada”, explicou.

Navia Rivas lembrou que en setembro de 2019 se aprobou unha iniciativa do BNG para a creación da Comisión da Memoria histórica que, como mínimo, conte coa participación de profesorado de Historia da USC, colectivos veciñais, culturais e de recuperación da memoria antifascista. Esta comisión constituíuse o 27 de abril de 2021 e ten pendentes diversas tarefas para a aplicación da Lei de Memoria Histórica, entre as que está a retirada de simboloxía franquista que aínda permanece en edificios de Santiago de Compostela.

“O feito de que esta simboloxía se sitúe en edificios que non fan parte do patrimonio municipal non exime o Goberno local de realizar as xestións precisas para que a Igrexa católica, Universidade, Correos, calquera particular ou comunidades de propietarios/as veciñais de edificios eliminen esas pezas”, explicou a concelleira.

A Comisión de Historia da Gentalha do Pichel fixera en 2017 un estudo e rexistrou unha petición ao Concello de Santiago para a recuperación e dignificación da memoria das persoas vítimas de represión, asasinadas, obrigadas ao exilio para salvaren a vida, humilladas e asediadas pola ditadura fascista. Nesta iniciativa, realizaron un inventario de bens onde aínda permanecía simboloxía franquista en Santiago e citaban a presenza de escudos na antiga escola de Amio, na Facultade de Química, na estación de ferrocarril (tras un panel do logo de ADIF) e en Correos (dentro dunha caixa); símbolos da Vitoria no claustro do mosteiro de San Martiño Pinario, no hotel do mosteiro de San Francisco e no CIFP Politécnico de Santiago; unha cruz e inscrición no mosteiro de Antealtares, unha placa do sindicato da Falanxe nas vivendas sindicais da rúa Canfranc, na Pontepedriña; así como outras en vivendas particulares.

A isto engadíronse os escudos do Frente de Juventudes na fachada do Auditorio da USC, no campus sur, que xa foron retirados. Existe tamén simboloxía franquista nun edificio da rúa dos Concheiros e en Xeneral Pardiñas e unha placa de Víctor Muñoz, fundador da Falanxe en Compostela, engadiu Navia Rivas.

 

Navia Rivas reclamará no Pleno que se actualice o inventario e se retire a simboloxía franquista que permanece en Santiago