PLENO

Goretti Sanmartín: “Lembrámoslle ao alcalde o compromiso de humanizar a zona do Restollal, no Castiñeiriño”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

O BNG advirte da demora da Xunta e do Concello na construción da residencia de maiores do Castiñeiriño

Goretti Sanmartín: “Lembrámoslle ao alcalde o compromiso de humanizar a zona do Restollal, no Castiñeiriño”

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2021.- O grupo municipal do BNG reclámalle ao alcalde que cumpra o compromiso coa veciñanza do Castiñeiriño para a humanización da rúa do Restollal e de Amor Ruibal, na Pontepedriña, para que se transformen nunha avenida urbana e cun carril para bicicletas, co obxectivo de facilitar a mobilidade e a accesibilidade.

A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, lembra este compromiso do PSOE, efectuado en campaña electoral, para realizar este proxecto que persegue articular os polígonos de máis de 2.000 vivendas construídos en ambas as marxes para convertela nunha vía urbana e evitar a fragmentación que supón a actual estrada.

No proxecto que lle presentara Bugallo á veciñanza en campaña electoral, diferenciábanse tres zonas. Para as de Amor Ruibal e Sar-Pontepedriña anunciou unha actuación para pasar de catro a dous carrís de circulación e desde a rotonda do Castiñeiriño até a rúa Enrique Vidal Abascal prevía transformar a parede existente nunha rampa axardinada, con dous carrís de circulación e unha vía de servizo a cada beira. Estas tres zonas contarían cun trazado de carril bici para facilitar a comunicación neste medio de transporte. Ademais, á altura do centro comercial estaba previsto un cruce con semáforo para facilitar os accesos a ambas marxes.

“Transcorreron dous anos do mandato de Bugallo e ten o barrio do Castiñeiriño abandonado, pois nin sequera comezou con este proxecto de humanización para mellorar a accesibilidade e cohesión entre unha beira e outra da calzada que anunciara por todo o alto en campaña electoral”, advertiu Goretti Sanmartín.

Demora do Concello e da Xunta na construción da residencia de maiores

Incidiu tamén na demora da residencia de maiores que proxectaron entre Concello e Xunta para o Castiñeiriño. “Desde o cambio de emprazamento das Fontiñas ao Castiñeiriño, en novembro de 2019, o Goberno local do PSOE tardou até maio de 2021 en tramitar a licenza para a cesión da parcela á Xunta, á que deu 6 meses para aceptala”, explicou.

“Ademais de reclamar que esta residencia sexa de xestión pública, demandamos que se axilicen os prazos para a súa construción pois desde que Feijóo é presidente da Xunta non se creou ningunha residencia pública en Santiago de Compostela pese á alta demanda existente para o coidado de persoas maiores”, sinalou.

Goretti Sanmartín: “Lembrámoslle ao alcalde o compromiso de humanizar a zona do Restollal, no Castiñeiriño”