PLENO

O BNG propón cambiar o regulamento dos avais por carencia de saneamento para facilitar que a xente se instale no rural

Xose Quintáns e Goretti Sanmartín
Xose Quintáns e Goretti Sanmartín

Debe distinguir entre particulares e empresas que se dedican á construción

O BNG propón cambiar o regulamento dos avais por carencia de saneamento para facilitar que a xente se instale no rural

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021.- O BNG trasladará ao Pleno unha iniciativa para realizar unha nova regulación dos avais bancarios que se esixen nas parcelas onde non hai servizos básicos como saneamento, abastecemento ou iluminación pública “co fin de evitar desproporcionalidade e discriminación para obter licenzas”. Así, Goretti Sanmartín destacou que “é necesario cambiar a regulamentación que está obsoleta, pois está a causar problemas á veciñanza que quere instalarse no rural compostelán”.

Segundo explicaron Goretti Sanmartín, portavoz municipal, e Xosé Quintáns, veciño de Figueiras e membro activista do movemento veciñal, antes de dar a licenza, esíxese unha garantía do 100% do custo dos servizos básicos imprescindíbeis para o traballo de urbanización previa e, en moitos casos, “cae en desproporcionalidade e en discriminacións”.

“En campaña todos os grupos coinciden en que é necesario axilizar as licenzas e facilitar os trámites para asentar poboación no rural; pasa o tempo, e parece que as ordenanzas teñen que ser sempre as mesmas e non hai modificacións porque non se fai nada para que eses compromisos se poidan cumprir”, advertiu Goretti Sanmartín.

As ordenanzas en vigor en Santiago non están adecuadas ao momento actual nin a unha regulamentación que favoreza que a xente se poida instalar no rural, tanto a nivel particular como para crear un negocio que poida dinamizar economicamente o rural. Nese sentido, o BNG entende que hai que facer que a regulamentación se adecúe á nova lexislación, á Lei 2/2016 do Solo de Galiza, e que poida haber diferenza en que tipo de solo se fan as obras, urbano ou rural.

“Non pode facerse que teñan que pagar uns avais excesivos e que teñan que pagarse durante anos porque o Concello non acaba poñendo os servizos básicos, cando ten a obriga segundo o artigo 26.1 da Lei de Bases de Réxime local de instalar a iluminación, saneamento e subministración de auga”, explicou. Cando non hai eses servizos básicos, calquera persoa que queira facer unha casa ou emprender un negocio ten que poñer un aval do 100% da cantidade equivalente ao custo dese servizo básico. “Ese aval debería ter un tempo final de duración, non pode ser que se diga que é por dous anos con prórroga e que esa prórroga sexa indefinida”, engadiu. Así, defende que os avais teñen que ter un tempo de “duración fixa e determinada, ademais de diferenciar se é para unha persoa particular sexa negocio ou vivenda ou se é un promotor inmobiliario que constrúe casas para vender, pois están a poñerse avais desproporcionados e inxustificados”. Iso está provocando que cheguen á Comisión de Queixas e Suxestións, engadiu.

Pola súa parte, Xosé Quintáns, explicou que o Concello debe distinguir “un promotor particular que quere facer unha vivenda nunha parcela a un promotor que fai vivendas para logo vendelas, pois o custo destes avais non é o mesmo soportalo unha familia que unha empresa que logo divide entre as vivendas que vai vender”.

O Concello debera distinguir o promotor privado e o gran promotor da empresa pública, engadiu, ou outra solución pasa por instar a Xunta a cambiar a normativa para que non sexa de aplicación este gravame para pequenos promotores. “Na FERUSA, nas reunións que mantemos periodicamente, sempre falamos deste asunto e mesmo estivemos a punto de preparar unha demanda e pasar polo xulgado pero consideramos que isto non favorece a súa resolución”, destacou.

“Gustaríanos que esta proposta do BNG se teña en conta polo Goberno municipal e, se non se pode facer doutra maneira, que inste a Xunta a que cambie a normativa para distinguir os particulares das empresas que se dedican á construción”, sinalou Xosé Quintáns na rolda de prensa.

O BNG propón cambiar o regulamento dos avais por carencia de saneamento para facilitar que a xente se instale no rural