PLENO
O BNG reclama melloras de seguranza viaria na avenida de Xoán XXIII
Unha persoa caeu polo mal estado das lousas e tivo que ser trasladada en ambulancia ao CHUS por un traumatismo
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021.- O grupo municipal do BNG rexistrou unha pregunta para saber que medidas vai adoptar o Goberno local para solucionar os problemas de seguranza viaria derivados da falta de conservación do pavimentado e enlousado da avenida de Xoán XXIII, logo da caída dunha persoa que tivo que ser trasladada ao CHUS en ambulancia por un traumatismo. Reclamará tamén melloras no cruzamento da baixada de Costa Vella e nos lombos instalados para reducir a velocidade que seguen a acumular auga por falta de drenaxe.
“O grupo municipal do BNG recibiu diversas queixas do mal estado do enlousado da avenida de Xoán XXIII, onde xa se produciron varias caídas de persoas por estar mal encaixadas as baldosas”, explicou Goretti Sanmartín.
Na rotonda de Xoán XXIII, cara ao Auditorio de Galiza, produciuse a caída dunha persoa que requiriu ser atendida en ambulancia de soporte vital asistencial a consecuencia dun traumatismo, segundo consta no parte emitido polo Sergas, e con posterioridade foi trasladada ao CHUS. Isto debeuse ao mal estado de conservación do pavimento, con lousas rotas e en mal estado, que supón graves dificultades para persoas con mobilidade reducida, para persoas que se trasladan en cadeiras de rodas, que levan crianzas aos centros escolares da contorna, carriños de bebé ou equipaxe.
Tamén en Xoán XXIII, na baixada de Costa Vella, existe un socavón xusto antes do paso de peóns lindeiro a Enfermaría e á zona verde provisional onde o BNG segue a reclamar que constrúan vivendas de protección, que entraña dificultade para as decenas de coches que descenden por esa vía cada xornada. Esta situación de perigo agrávase cando chove, pois fórmase unha poza de auga que chega á altura da media roda dianteira dos vehículos xusto antes do paso de peóns.
Ademais, os lombos instalados para reducir a velocidade na avenida de Xoán XXIII, como en diversos lugares da cidade, seguen a acumular auga a carón das beirarrúas por falta dunha correcta drenaxe, coas molestias e salpicaduras que provocan ás persoas que transitan a pé polas beirarrúas.
Deste xeito, o BNG reclámalle ao Goberno local unha intervención para mellorar esta zona pola que transitan a diario milleiros de persoas.