PLENO

Goretti Sanmartín propón unha actuación integral no barrio de Guadalupe – Ponderosa

Visita ao barrio Guadalupe - Ponderosa
Visita ao barrio Guadalupe - Ponderosa
Realizou unha visita coa directiva da asociación veciñal para coñecer as súas demandas relacionadas con accesibilidade, seguranza viaria, iluminación, canalizacións de auga, parques e zonas públicas no barrio de Vite
Goretti Sanmartín propón unha actuación integral no barrio de Guadalupe – Ponderosa

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2021.- O grupo municipal do BNG presentará unha moción no Pleno para realizar unha actuación integral para mellorar a accesibilidade, iluminación, canalizacións de auga, parques e espazos públicos no barrio de Vite. A portavoz municipal, Goretti Sanmartín, realizou unha visita á zona acompañada da directiva da asociación veciñal do barrio de Guadalupe - Ponderosa para coñecer as súas demandas.

A asociación veciñal do barrio de Guadalupe - Ponderosa vén de reiterar os problemas que padece o barrio de Vite en relación coas constantes roturas de tubaxes de canalización de abastecemento e saneamento de auga nas rúas Carlos Maside, García Lorca e Blanco Amor, ademais da falta de mantemento e conservación dos espazos públicos e da falta de accesibilidade en vías públicas e edificios.

Deste xeito, faise precisa unha intervención planificada para substituír as tubaxes obsoletas pola rede de saneamento, en vez de realizar constantes actuacións de urxencia que funcionan como parches e dificultan o tránsito polas beirarrúas en cada tramo que se abre, coa demora coa que se realizan os traballos de reparación e enlousado. Isto provoca que en menos de 100 metros exista enlousado diferente e a distintas alturas.

Entre a avenida de Castelao, rúa de García Lorca e rúa Guadalupe existe un conxunto de edificios que carecen tanto de ascensor como de accesos directos á rúa, pois están unidos por unha trama de escaleiras. Isto imposibilita a entrada de vehículos de emerxencias e de servizos básicos -como ambulancias, camións de bombeiros e de recollida de residuos- a un núcleo onde residen máis de 100 persoas, moitas delas de avanzada idade. Cómpre sinalar que a falta de mantemento durante ano provoca que tanto o enlousado como as escaleiras están mal asentados e cheos de vexetación que nace entre as plaquetas, ademais de estar cuberto de follas e restos de plásticos ante a falta de limpeza e conservación durante anos.

En todo o conxunto súmaselle a deficiente iluminación pública, os bancos inservíbeis, os colectores de residuos estragados, beirarrúas con zonas interrompidas que deben atravesar á beira da estrada sen protección para peóns, cun punto especialmente perigoso á altura de García Lorca na intersección coa praza Celso Emilio Ferreiro, a carencia de rebaixes nos pasos de peóns e problemas derivados do exceso de velocidade dos vehículos que provocan inseguranza viaria.

En canto ao parque da Ponte Mantible, destacan a falta de conservación destes restos do acueduto datado no século XII, que presenta unha excesiva vexetación na cuberta e nas paredes con toxos, xestas, codesos, silvas e enredadeiras, entre outras variedades, que poden provocar desprendementos das pedras de non retirar as súas raíces. Trasladan tamén a queixa de que desde hai uns anos desviaron o Camiño de Santiago e xa non reciben persoas peregrinas, pese aos sinais que indican este roteiro que atravesa o parque. Ademais da falta de mantemento e retirada de follas de árbores ornamentais como os magnolios de gran porte que están sen podar.

Deste xeito, trasladará ao Pleno a realización dunha actuación integral para mellorar a accesibilidade, seguranza viaria, iluminación, canalizacións de auga, parques e zonas públicas no barrio de Vite.

Goretti Sanmartín propón unha actuación integral no barrio de Guadalupe – Ponderosa