SEGURANZA E PATRIMONIO
O BNG reclama que se arranxe de urxencia o muro deteriorado da avenida de Coimbra
Os valados de protección levan desde febreiro ocupando metros de beirarrúa e a zona de carga e descarga, o que dificulta o tránsito de peóns e vehículos
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2021.- O grupo municipal do BNG preguntará no vindeiro Pleno que xestións ten previsto realizar o Goberno local para que a entidade propietaria do muro do convento de Carmelitas Descalzas, despois dos diversos requirimentos realizados, proceda a reparar de urxencia os seus desperfectos e a desenvolver o mantemento adecuado para evitar o risco de derrubo deste patrimonio que pode entrañar risco para as persoas que transitan a diario pola zona e para os vehículos aparcados ou que circulan pola avenida de Coimbra.
O Concello de Santiago de Compostela instalou un dobre valado de protección na zona alta da avenida de Coimbra onde un muro de pedra supón risco de derrubo, pois está combado e cheo de vexetación porque leva moitos anos sen limpar e sen o debido mantemento de conservación.
Este muro fai parte do perímetro da propiedade do convento de Carmelitas Descalzas que ten acceso pola rúa de Santa Clara e posúe no seu interior unha zona de xardín que linda coa rúa dos Xasmíns e coa ruela da Estila, ademais da avenida de Coimbra, por onde prosegue a fortificación de pedra de 75 metros de cada lateral, aproximadamente, que pecha o recinto deste conxunto eclesiástico de 1748, ano en que instalou a Orde de Santa Teresa en Santiago. No interior deste convento desenvólvese, ademais da actividade litúrxica e propia desa orde relixiosa, actividade lucrativa coa venda de libros, cadernos, camisetas, estampas, artesanía e recordos eclesiásticos de Santiago de Compostela e da Monxiña do Penedo.
Estes valados levan desde febreiro de 2021 ocupando varios metros lineais de beirarrúa, de zona de carga e descarga e da propia calzada da avenida de Coimbra. De feito, reciben visitas periódicas da Policía local para recolocalos co obxecto de que as persoas garden algo de distancia e non se acheguen ás pedras polo risco de desprendemento. O propio concelleiro de Obras visitou o lugar en abril de 2021 mais a actuación, que debera ser urxente, aínda non comezou e que está a causar seria preocupación entre a veciñanza, pois eses valados metálicos non van impedir que caia o muro e aínda poden entorpecer un posíbel rescate de quedar alguén sepultado.
Cómpre ter en conta que nas proximidades hai unha residencia de estudantes, dous centros de ensino e diversas facultades universitarias, polo que resulta unha zona moi transitada. A veciñanza leva xa 5 meses a sufrir molestias pola falta desas prazas de aparcamento, da zona de carga e descarga, xunto coa circulación a pé entre valados, xa que se trata dunha zona en pendente, ademais da preocupación que trasladan ante o risco de desprendemento das pedras e da crecente vexetación.