PLENO

Goretti Sanmartín traslada ao Pleno a proposta de recuperar a campaña de “Compostela, capital de compras” para atraer clientela da contorna de Compostela e da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal

Reunión con comerciantes
Reunión con comerciantes

Mantivo encontros con asociacións de comerciantes para propoñer unha campaña continuada con actividades de conciliación e facilidades no transporte, aparcadoiro e aloxamento

Goretti Sanmartín traslada ao Pleno a proposta de recuperar a campaña de “Compostela, capital de compras” para atraer clientela da contorna de Compostela e da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021.-  A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, mantivo unha rolda de encontros con representantes de asociacións de comerciantes e presentará unha iniciativa no Pleno de xuño para que o Concello de Santiago impulse un programa continuado de dinamización do comercio local con actividades de conciliación e facilidades de transporte, de aparcamento e de aloxamento, para recuperar o prestixio do que significou a marca “Compostela, capital de compras” e atraer xente tanto das comarcas lindeiras de Compostela como da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.

Goretti Sanmartín lembrou que a campaña “Compostela, capital de compras”, que impulsou a Concellaría de Promoción Económica en 2007 cando era dirixida polo BNG, conseguiu consolidar Santiago de Compostela como un referente comercial da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal e contribuíu a desestacionalizar o turismo e as compras no pequeno comercio.

“Como BNG, xa levamos trasladado diversas iniciativas neste mandato para impulsar o comercio compostelán, tanto en outubro de 2019 como en novembro de 2020, mais o certo é que estas campañas ficaron en pouco e non foron regulares, sen contar co dinamismo que requirían”, sinalou.

Así, o BNG propón “unha campaña potente nos concellos da contorna e no norte de Portugal como elemento de referencia, na ponte do 4 ao 8 de decembro como unha festa de comercio aberto con vocación de continuidade e que conte cun intenso programa de actividades até o Nadal”. Ademais de concertos, teatro e obradoiros de artesanía, as asociacións de comerciantes reclaman que se desenvolva un programa de conciliación para nenos e nenas e un sistema de bonos ou outras facilidades para o aparcamento de vehículos. Isto pode complementarse cun sistema de autobús interurbano co fin de reducir o tráfico e ofrecer maior comodidade ás persoas das vilas e da contorna de Compostela.

“Agardamos que sexa aprobada por unanimidade esta proposta que reincide en iniciativas que o BNG xa propuxo varias veces mais que nunca tiveron a posibilidade de ser sostidas no tempo e de constituírse en campañas fortes e planificadas con tempo, con todas as actividades, servizos e facilidades que deben acompañala, tanto en transporte como en conciliación e aloxamento para recuperar ese prestixio da marca Compostela, capital de compras”, explicou.

Goretti Sanmartín traslada ao Pleno a proposta de recuperar a campaña de “Compostela, capital de compras” para atraer clientela da contorna de Compostela e da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal