PLENO

Goretti Sanmartín propón melloras na mobilidade para reducir a sinistralidade na contorna da estación de autobuses

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartin
O BNG reclama unha parada dos autobuses urbanos localizada á beira da pasarela, con pasos de peóns próximos ben sinalizados e unha zona de carga e descarga na entrada por Clara Campoamor
Goretti Sanmartín propón melloras na mobilidade para reducir a sinistralidade na contorna da estación de autobuses

“Este Goberno local do PSOE toca de oído, fai as cousas polo que parece pero sen ter unha base de estudos serios e rigorosos detrás”, explica

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2021.-  A portavoz municipal do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín, anunciou que presentará unha iniciativa no Pleno para realizar melloras na mobilidade e reducir a sinistralidade na contorna da nova estación de autobuses. Así, propón facilitar os accesos á estación de autobuses, cunha parada dos urbanos localizada á beira da pasarela, con pasos de peóns ben sinalizados e coa creación dunha zona de carga e descarga de pasaxeiros/as, equipaxes e paquetería na entrada por Clara Campoamor.

“Detectamos no BNG moitos problemas derivados da falta de planificación, de non facer estudos serios antes de tomar decisións e de non coordinarse con outras administracións e ao final este Goberno local do PSOE toca de oído, fai as cousas polo que parece pero sen ter unha base de estudos serios e rigorosos detrás”, advertiu.

Segundo explicou en rolda de prensa, coa entrada en funcionamento da nova estación de autobuses, as persoas usuarias están a detectar problemas de mobilidade nos accesos, o que pode causar accidentes de tráfico por falta de pasos de peóns e problemas para facilitar o seu uso por parte da xente que entrega e recolle vultos e mercadorías na consigna.

De feito, a nova estación de autobuses carece dunha zona de carga e descarga desde vehículos particulares que favoreza o transporte de maletas e paquetaría. Propón que na zona de Clara Campoamor, onde está a parada de taxis, pode habilitarse un espazo para evitar os problemas que está a causar.

Outro problema vén derivado da falta de intermodalidade que provoca que as paradas sinaladas como “estación intermodal” nas pantallas dos autobuses urbanos estean situadas nas rúas do Hórreo e en Santiago de León e Caracas, sen sequera contar cun paso de peóns de acceso directo á pasarela. A distancia que deben percorrer as persoas, moitas veces con maletas, é de 400 metros desde a saída da pasarela á parada da rúa do Hórreo enfronte do Parlamento e de 200 metros desde a parada de Santiago León de Caracas ao acceso da pasarela, tendo en conta que deben baixar e volver subir ese tramo da avenida de Lugo por non ter diante un paso de peóns directo ao acceso. A esa distancia hai que lle sumar os traxectos desde o inicio da pasarela ao lugar de compra de billetes e, finalmente, ao do estacionamento do autobús. É necesario un paso de peóns directo desde a pasarela ao novo emprazamento onde se debe situar a parada de bus.

O BNG presentou varias iniciativas para facer un plan de seguranza viaria en todos os pasos de peóns de Santiago de Compostela, un rogo en xaneiro de 2020 e unha proposición en marzo de 2021 aprobada por unanimidade para instar os correspondentes órganos do Goberno local á posta en marcha, co orzamento correspondente, dun plan de seguranza viaria nos pasos de peóns co obxectivo de incrementar a accesibilidade e de reducir a sinistralidade viaria. “Viamos con preocupación que en xaneiro de 2020 houbese unha media anual de 40 atropelos e, en vez de reducila, parece que non se vai nesa dirección e houbo un atropelo recente na rotonda de Sar nun paso de peóns”, explicou. Trátase dun problema de falta de seguranza viaria na rotonda que une a avenida de Lugo coa rúa de Bernardo Barreiro de Vázquez Varela e a rúa de Clara Campoamor. É un punto de escasa visibilidade que se ofrece para os vehículos causado pola luminosidade e o reflexo do Sol.

Liña 6 do autobús

“É necesario realizar estudos para coordinar as frecuencias da liña 6 do transporte urbano do aeroporto, pois segue a haber problemas diarios desde o cambio da empresa concesionaria cada vez que chega un avión e o autobús deixa a veciñanza da Lavacolla e de San Lázaro en terra porque vai cheo de turistas”, indicou. “Trátase de xente que vai ao mercado, ao centro de saúde ou a estudar e non ten nestes momentos a seguranza de que van ser recollidas no autobús porque despois de esperar vén cheo e non lles para”. De feito, non existe reforzo de frecuencias desta liña de autobús ao tempo que os traballadores despedidos da anterior concesionaria seguen a reclamar a subrogación do contrato. “Pedimos que ningunha persoa que viva en Santiago de Compostela fique fóra de ningún autobús urbano, para o que pedimos que se solucione coa necesaria colaboración do aeroporto de Santiago de Compostela”, indicou Goretti Sanmartín.

Son tamén moitas persoas visitantes, peregrinas e turistas, que se atopan camiño da vella estación de autobuses pola rúa de San Roque, Os Basquiños ou Xoán XXIII co plano de Incolsa na man, pois aínda seguen a repartir na Oficina de Turismo da rúa Vilar o plano que contén sinalado co número 120 o emprazamento da estación de autobuses en San Caetano, advertiu.

 

Goretti Sanmartín propón melloras na mobilidade para reducir a sinistralidade na contorna da estación de autobuses