PLENO
O BNG reclámalle ao alcalde máis axilidade para instalar os postos de xeados, artesanía e recordos
“O proceso de regularización non debería ser interrompido xusto ao inicio da tempada de verán”, advirte Goretti Sanmartín
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021.- A portavoz municipal do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín, insta o alcalde a resolver de urxencia as convocatorias de postos de xeados, artesanía e venda ambulante de recordos, tendo en conta a afluencia de visitantes que están a chegar a Santiago de Compostela e o clamor veciñal para que poidan seguir a desenvolver os seus traballos.
Para o BNG, resulta unha inxustiza que estes colectivos non poidan exercer a súa actividade por mor da suspensión temporal que aplicou o Goberno local mentres non resolve os trámites da concesións de postos, deixando sen traballo máis de 20 persoas nesta tempada de crise económica.
“Este procedemento municipal non debera levar aparellada unha interrupción destes traballos de dinamización económica das rúas compostelás”, engadiu.
Ademais, Goretti Sanmartín anunciou que trasladará unha iniciativa ao Pleno para requirir maior transparencia nas bases, abrir canles de diálogo con todos estes colectivos co fin de chegar ao maior consenso posíbel e evitar discriminacións.
Referiuse tamén ás queixas recibidas de que persoas que están baixo a mesma epígrafe do IAE “Pintores/as, Escultores/as, Ceramistas, Artesáns/as, Gravadores/as e artistas similares” están categorizadas de xeito distinto nesta nova regulación que pretende facer o Goberno local do PSOE.