MOBILIDADE

O BNG presenta novas propostas á elaboración da ordenanza de Circulación “para facer que Santiago sexa amigábel coas bicicletas”

Goretti Sanmartín e Xesús Domínguez, no aparcadoiro deteriorado, despois da reunión con Composcleta
Goretti Sanmartín e Xesús Domínguez, no aparcadoiro deteriorado, despois da reunión con Composcleta
No texto aínda prevalece a preferencia dos vehículos a motor, cando iso constitúe un erro na nova tendencia de configuración da mobilidade urbana
O BNG presenta novas propostas á elaboración da ordenanza de Circulación “para facer que Santiago sexa amigábel coas bicicletas”

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2021.-  O BNG presentará novas medidas para modificar a ordenanza de circulación co obxectivo de favorecer o uso da bicicleta en Santiago de Compostela.

Así o avanzou Goretti Sanmartín, a portavoz municipal, despois de manter unha reunión de traballo coa asociación Composcleta para explicar e contrastar as modificacións introducidas recentemente no borrador da ordenanza, que aínda resultan “insuficientes” porque “non atenden ao fondo das necesidades das persoas que usan a bicicleta como medio de transporte habitual no noso concello, tanto en zona urbana como no rural”, explicou.

Esta ordenanza debe estar enfocada a favorecer o tránsito peonil e o uso da bicicleta sobre o do coche e, de momento, “no texto aínda prevalece a preferencia dos vehículos a motor, cando iso constitúe un erro na nova tendencia de configuración da mobilidade urbana”. Así, destacou que a ordenanza responde a “unha concepción obsoleta da circulación e non permite avanzar nun urbanismo sustentábel para facer de Santiago unha cidade amigábel coa bicicleta”.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, o BNG recolleu as reivindicacións de Composcleta e solicitará que sexan incluídas na modificación da ordenanza de Circulación, coa intención de que se fomente este vehículo saudábel e sustentábel, para o que cómpre nova sinalización, aparcadoiros específicos tanto no ámbito urbano como no rural, prioridade de circulación e pasos avanzados nos semáforos, entre outras propostas.

Sinalou tamén que o Goberno local ten que recibir a Composcleta para, antes de levar o tema ao Pleno, ter un contraste directo coas persoas usuarias que son as que mellor coñecen o territorio, as necesidades e demandas, ademais de saber as deficiencias que presenta a cidade nese sentido.

O BNG presenta novas propostas á elaboración da ordenanza de Circulación “para facer que Santiago sexa amigábel coas bicicletas”