SERVIZOS SOCIAIS

O BNG reclama un novo sistema público de axudas sociais ante a alarmante situación derivada da pandemia en Santiago

Goretti Sanmartin
Goretti Sanmartin

Para o BNG, resulta moi preocupante que 3.960 das persoas atendidas por Cáritas en 2021 fosen menores e 10.937 estaban en situación de desemprego

O BNG reclama un novo sistema público de axudas sociais ante a alarmante situación derivada da pandemia en Santiago

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2021.-  O BNG advirte das importantes necesidades sociais básicas que padece a poboación compostelá, tendo en conta  que 16.744 persoas (17% do censo) tivo que acudir a Cáritas durante o 2020.

En concreto, segundo os datos desta entidade, 16.744 persoas requiriron axudas en 2020, unha cifra que triplicou o número de anos anteriores. Para o BNG, resulta moi preocupante que 3.960 (23,65%) das persoas atendidas por Cáritas fosen menores e 10.937 (65%) estaban en situación de desemprego.

Así, o BNG defende que o Concello articule un novo sistema público de axudas sociais, con detección precoz para casos de vulnerabilidade que reforce as medidas de protección social e colaboración cos colectivos máis desfavorecidos ou en risco como maiores con baixos recursos, persoas desempregadas, dependentes e familias monoparentais, entre outras. Debe ser un sistema en que administración ofreza os seus servizos aos grupos potencialmente vulnerábeis, con información directa e cunha tramitación sinxela e áxil.

Cómpre ter en conta que o Goberno local delegou parte destas funcións en entidades como Cáritas e a Cociña Económica, para as que outorgou 120.000 e 60.000 euros en 2020, respectivamente, para contribuír a paliar a grave situación económica que atravesan milleiros de familias en Santiago de Compostela.

Ademais do encomiábel e destacado labor que prestan estas entidades, o Concello debe asumir as súas responsabilidades, reforzar e adoptar medidas específicas para evitar a precariedade, a economía somerxida e falta de oportunidades laborais que afloraron e se fixeron visíbeis durante a pandemia da covid-19 con importantes consecuencias nunha cidade tan dependente do turismo como Santiago de Compostela e incidir na aposta pola diversificación económica.

O BNG reclama un novo sistema público de axudas sociais ante a alarmante situación derivada da pandemia en Santiago