URBANISMO
O BNG advirte do atraso “inxustificábel” no proxecto para a parcela do antigo colexio Peleteiro
Defendeu que o proxecto debe incluír a reserva de espazo para a construción dun centro de día de xestión pública e incrementar as prazas reservadas para aparcadoiro público con prezos reducidos
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2021.- O BNG advirte do atraso “inxustificábel” no proxecto para a parcela do antigo colexio Peleteiro, cando aínda non está nin contrastada cal é a mellor opción para a veciñanza.
Segundo explicou a portavoz municipal Goretti Sanmartín a opción que presentou o BNG no Pleno é que se escoitase a toda a veciñanza, persoas afectadas e asociacións para contrastar todas as opinións e procurar o maior consenso posíbel.
Na comisión especial de Peleteiro, o BNG defendeu que o proxecto debe incluír a reserva de espazo para a construción dun centro de día de xestión pública e incrementar as prazas reservadas para aparcadoiro público, de xestión directa e con prezos reducidos, semellante ao modelo de Xoán XXIII.
A estas alturas debería haber un estudo previo con diferentes alternativas, afirmou, e reclamou que o proxecto facilite un maior aproveitamento público da superficie cunha reserva maior de metros cadrados.
En canto ás discrepancias de se debe abrir a praza cara a República Arxentina ou San Pedro de Mezonzo, constátase que a inmensa maioría das asociacións da veciñanza da zona prefiren que abra a República Arxentina, porque pode ser unha continuidade dunha zona peonil e comercial, que representa maior dinamismo social e económico. “Sen opornos a que se estuden diferentes opcións, ten que haber unha apertura por República Arxentina para facilitar o uso comercial, a mellora da zona de paseo e a posta en valor do Ensanche compostelán”, sinalou.
En canto á xestión, destacou a demora “inxustificábel” de pór en marcha este proxecto cando o alcalde se comprometera a solucionalo en tres meses ao inicio do mandato e na actualidade está nunha situación peor que a inicial; “queda patente que Bugallo non é un bo xestor nin con este proxecto nin co do biopolo tecnolóxico da Sionlla”, afirmou Goretti Sanmartín.