INTERMODAL

Goretti Sanmartín: “A nova estación de tren chega tarde e debe incluír un aparcadoiro de maiores dimensións”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Reclama que se realicen as xestións necesarias para que o proxecto construtivo inclúa a denominación de “Daniel Castelao” e o modelo tipográfico e expositivo con referencias á súa traxectoria e á súa obra nos interiores da edificación

Goretti Sanmartín: “A nova estación de tren chega tarde e debe incluír un aparcadoiro de maiores dimensións”

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2021.-  O BNG considera que a aprobación da construción da nova estación de tren de Santiago de Compostela no Consello de Ministros/as é unha noticia positiva aínda que chega con demora e, ademais, reclama que se inclúa un aparcadoiro de maiores dimensións para favorecer a intermodalidade.

A autorización para construír o novo edificio da estación de ferrocarril, cun importe de 27,75 millóns de euros e un prazo de execución de 30 meses, fará parte da estación intermodal xunto coa estación de autobuses e a pasarela. “Mais é curioso que se estea a celebrar por todo o alto por parte do alcalde cando vai chegar despois da posta en marcha do tren de alta velocidade, pese a que debería ser unha actuación previa, xa que ao custe da nova estación houbo que engadir máis de 9 millóns de euros para adecuar a actual por non estar aínda operativa”, advertiu Goretti Sanmartín.

Para o BNG é fundamental engadir na nova estación unha zona de aparcadoiro máis ampla de vehículos e de bicicletas para favorecer a intermodalidade, co obxectivo de que unha persoa poida deixar o seu medio de transporte particular na estación para coller un medio de transporte público e desprazarse a outros puntos do país. De feito, en 2016 prevíase que o aparcadoiro tivese 700 prazas, ampliábeis a 1.000.

Lembrou ademais que se deben facer as xestións necesarias para que o proxecto construtivo inclúa a denominación de “Daniel Castelao” e o modelo tipográfico e expositivo con referencias á súa traxectoria e á súa obra nos interiores da edificación, tal como se aprobou a iniciativa do BNG.

Goretti Sanmartín: “A nova estación de tren chega tarde e debe incluír un aparcadoiro de maiores dimensións”