O BNG presenta propostas á nova Ordenanza de Circulación en clave de mellorar a humanización, seguranza e sustentabilidade

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Inclúe medidas encamiñadas á recuperación do espazo público coa revitalización do comercio e desenvolvemento de servizos
O BNG presenta propostas á nova Ordenanza de Circulación en clave de mellorar a humanización, seguranza e sustentabilidade

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2021.-  O BNG trasladou achegas á nova ordenanza de Circulación e uso da vía pública, logo de contrastalas con diversos colectivos, coa asociación Composcleta e con persoas expertas en mobilidade que melloran aspectos relativos a “humanización, seguranza e sustentabilidade”.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG, para avanzar nos criterios relativos á humanización, seguranza e sustentabilidade, que deberan figurar no Plan de Mobilidade, “a mobilidade peonil debe ser prioritaria e todas as normas deben reflectir que a orde de prelación será primeiro o/a peón/peoa, segundo a bicicleta, terceiro o transporte público e, por último, o automóbil privado”.

O documento do BNG recolle tamén que o tráfico motorizado “é o causante de moitos dos problemas e prexuízos no contorno urbano: contaminación atmosférica e acústica, saturación das vías, conxestión do tráfico, imposibilitando moitas veces outros tipos de mobilidade máis amábeis”. “Non se trata de prohibir o tráfico ou o aparcamento senón de regulalo para permitir a conciliación entre os coches, bicicletas, patinetes e os/as peóns/peoas nos espazos comúns”, expón.

Nese sentido, para o BNG, a velocidade de circulación debe ser o suficientemente reducida para garantir a seguranza viaria e a percepción de seguranza. A iso súmase a combinación da recuperación do espazo público coa revitalización do comercio, desenvolvemento de servizos e incremento do atractivo turístico, aspectos a que non debe ser allea a Cidade histórica, co obxectivo de recuperar a súa vitalidade.

Ademais, é necesaria unha revisión para a utilización de linguaxe inclusiva en todo o texto da ordenanza: o peón/a peoa, a cidadanía, as persoas que utilicen.

Entre as propostas concretas, contrastadas coa asociación Composcleta, figura acrecentar que se permita a circulación por zonas peonís “de bicicletas conducidas por nenos e nenas menores de 14 anos, así como por persoas con mobilidade reducida e as que as acompañen” e a “circulación en bicicleta por rúas peonís a unha velocidade máxima de 10 km/h, sempre que o ancho da rúa e a densidade de peóns posibilite respectar a prioridade do/a peón/peoa”.

 

O BNG presenta propostas á nova Ordenanza de Circulación en clave de mellorar a humanización, seguranza e sustentabilidade