Goretti Sanmartín reclámalle ao alcalde que lle recorde ao ministro Ábalos que ten pendente a dotación extraordinaria ao Consorcio para 2021 e 2022

Goretti Sanmartin
Goretti Sanmartin

O BNG rexistrou unha carta para Bugallo para lembrar as proposicións aprobadas no Concello de Santiago e no Foro Cívico coa demanda das infraestruturas sen realizar

Goretti Sanmartín reclámalle ao alcalde que lle recorde ao ministro Ábalos que ten pendente a dotación extraordinaria ao Consorcio para 2021 e 2022

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2021.-  Sobre a visita do ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, o BNG fixo entrega dunha carta ao alcalde “para que conste por escrito cales son as peticións que entendemos que o Concello de Santiago ten que facerlle, toda vez que non se facilita que participen todos os grupos municipais nesa xuntanza”, explicou Goretti Sanmartín.

“Ás veces hai reunións bilaterais en que o alcalde deixa cuestións sen tratar” e, entre elas, destacou que hai unha proposición do BNG de novembro de 2019 que recolle obras comprometidas e pendentes de execución, moitas delas procedentes do Foro Cívico, que todos os grupos da Corporación están de acordo. Fixo referencia ademais a unha proposta anterior do BNG de 2018, aprobada por unanimidade, con estes asuntos pendentes por parte do Goberno do Estado en materia de Infraestruturas.

Así, referiuse á construción da estación de mercadorías da Sionlla, ao plan de usos para a vella terminal da Lavacolla e ao proxecto de humanización da rotonda de Conxo valorado en 300.000 euros “que representa unha cantidade insignificante para Fomento, sobre o que viñeron ministros e ministras facerse a foto e agora nin sequera o inclúen nos Orzamentos Xerais do Estado” cando é unha obra necesaria para vertebrar o barrio, diminuír a contaminación acústica e solucionar os problemas de seguranza viaria.

Tamén inclúe a revisión do convenio da estación intermodal para conseguir que se elimine a cláusula dos 3,5 millóns de pasaxeiros/as para facer a segunda fase e que debería ir acompañada dun aparcadoiro subterráneo.

Lembrou tamén a disposición adicional 135 dos Orzamentos de Estado para 2018 sobre o apoio ao Consorcio de Santiago para as actividades do Ano Santo de 2021, que non está derrogada, “e recolle que ten que haber unha achega especial para 2021 e entendemos que tamén para 2022 ao ser ambos anos xacobeos”. “Non ten sentido que para o ano Xacobeo a achega estatal do orzamento do Consorcio sexa o mesmo que nun ano normal, cando xa foi minguando nos últimos exercicios”, destacou. O BNG defende que o Consorcio contribúa a revitalizar a Cidade histórica, coa compra de baixos para a súa rehabilitación e destinalos a novos estabelecementos por parte de persoas que queiran emprender os seus negocios por primeira vez.

Outro dos temas a incluír é unha dotación orzamentaria para políticas de rehabilitación de vivendas, de espazos e conxuntos patrimoniais na cidade. “Como BNG, levamos ao Pleno a proposta para recuperar as ruínas da Caramoniña e o Estado debe facer a súa achega e tamén para contribuír á mellora das diversas ARI do concello”, sinalou.

Xunta de portavoces sobre remanentes

O BNG, logo da xunta de portavoces para tratar o destino dos remanentes de 2020, trasladou en rolda de prensa as apreciacións sobre “a falta de seriedade ante a reducida execución dunhas contas da leiteira, que son as que bota o alcalde desta cidade”, afirmou Goretti Sanmartín. Así, referiuse a que o alcalde primeiro expuxo unha cantidade, logo outra e fala unha e outras veces de obras e de axudas que non acaban de executarse.

Inicialmente, o BNG reclamou dedicar 3,5 millóns de euros para axudas directas para axudas aos sectores máis afectados pola pandemia da covid-19, cantidade que o grupo de Goberno tivo que aceptar ante a petición do conxunto da oposición. Logo resultou ser menor a dispoñibilidade, ao incluír o PSOE obras consignadas en 2019 que non se executaron e que volven a formar parte dos remanentes de 2020. “O problema de fondo é falta de xestión, de axilidade e de eficacia e vai ligado á liquidación do ano 2020 onde volveremos a ver unha execución baixísima en investimentos que probabelmente roldará o 20%”, advertiu. Isto significa que, como vén acontecendo nos últimos anos, de cada 100 euros que hai para gastar en investimentos, 80 fican sen executar, engadiu.

 

Goretti Sanmartín reclámalle ao alcalde que lle recorde ao ministro Ábalos que ten pendente a dotación extraordinaria ao Consorcio para 2021 e 2022