PLENO
O BNG propón, no ano de Xela Arias, recuperar o convenio para a tradución de obras contemporáneas internacionais á lingua galega
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2021.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, proporá no Pleno de abril que o Concello de Santiago de Compostela recupere e potencie a tradución á lingua galega de obras contemporáneas e desenvolva unha programación sobre a figura de Xela Arias nos centros de ensino.
“As dúas cuestións están relacionadas porque Xela Arias, ademais de docente e poeta, foi tradutora e o seu labor foi fundamental para coñecermos escritores e escritoras internacionais traducidos ao galego; desde Joyce, a Rodari ou Baudelaire”, explicou.
O BNG propón, así, que o Concello recupere o convenio para a Biblioteca Compostela, en colaboración cunha editorial e coa organización do Premio Novela Europea do Casino, para a publicación anual de obras contemporáneas traducidas á lingua galega. Esta colección de tradución de narrativa europea iniciouse en outubro de 2006, cando estaba Néstor Rego concelleiro de Cultura de Santiago e facilitou que cada ano se traducisen catro obras de autores/as contemporáneos/as ao galego. “Esta iniciativa supuxo un avance na normalización lingüística do galego ao traducir obras contemporáneas e de actualidade nos mercados literarios internacionais”, sinalou Goretti Sanmartín.
De feito, entre 2006 e 2012 publicáronse 28 obras novas en galego ao abeiro deste convenio co que se favoreceu a difusión de obras internacionais, ademais de apoiar o labor de diversos tradutores e tradutoras ao noso idioma. “Recuperar este convenio é unha boa maneira de celebrar as Letras Galegas e contribuír de maneira decidida á tradución e edición de libros en galego tendo en conta a redución de cifras de publicacións en lingua galega nos últimos anos”, engadiu.
Fixo referencia ademais á tradición de imprentas e editoriais que tivo Santiago de Compostela, como Nós ou o Seminario de Estudos Galegos, e á importancia do sector das librarías cun tecido comercial que cómpre apoiar.
“Santiago deben desenvolver unha programación específica de Xela Arias, unha figura rebelde, inconformista e feminista que ten moita forza e posibilidades de chegar á mocidade e sectores máis novos da poboación, co que se debe facer unha programación específica cos centros educativos de Santiago”, concluíu.