ORZAMENTOS

Goretti Sanmartín: “O Goberno municipal confunde a poboación xa que dispón de 9 millóns de euros en remanentes para gastar libremente”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

O Informe da Liquidación de 2020 determina que só se gastou o 21,85% do Orzamento para obras; de cada 100 euros en investimentos quedaron sen usar 78

Goretti Sanmartín: “O Goberno municipal confunde a poboación xa que dispón de 9 millóns de euros en remanentes para gastar libremente”

Advirte tamén de que en 2020, ano COVID, diminuíu en 60 euros o gasto do Orzamento municipal por habitante en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2021.-  A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclama unha reunión técnica sobre os remanentes de tesouraría de 2020, cunha descrición realista e transparente do custe e dos prazos das obras e axudas, para o destino dos 9 millóns de euros pendentes que quedaron sen gastar en 2020. “O Goberno municipal confunde a poboación xa que dispón de 9 millóns de euros para gastar libremente”, afirmou.

Goretti Sanmartín aludiu á intención do alcalde “de enganar e intentar dar prazos e cantidades que confunden máis a xente que aclarar a situación de maneira transparente, respecto das posibilidades para gastar eses 9 millóns de euros de remanentes de 2020 que podería agora o Concello dispoñer para gasto libre no que queira, en axudas directas para os sectores afectados ou en investimentos, xustamente pola eliminación das regras fiscais que existían con anterioridade”.

Así, sinalou datos obxectivos que están no Informe de Intervención da Liquidación de 2020 “onde se ve con clareza o que acontece”, pois sinala que o remanente de tesouraría é de 9.005.992 euros dispoñíbeis, “unha cantidade de libre disposición para a súa utilización”. “De aí, que o Concello pode decidir dedicar 3,5 millóns de euros a axudas tal como acordou coa oposición para os sectores da hostalaría, do comercio e da cultura”, explicou.

De cada 100 euros de investimentos, só se gastaron 22

Unha das cuestións que marca ese Informe de Intervención é que no capítulo de Investimentos, a execución está nun 21,85%. “Iso quere dicir que de cada 100 euros do Orzamento que había para gastar en investimentos en 2020 deixaron sen usar 78 euros, a execución máis baixa dos últimos 6 anos”, advertiu.

O BNG denunciara isto en anteriores ocasións, pois os niveis de execución foron dun 27% en 2015, 22% en 2016, 23% en 2017, 26% en 2018, 27% en 2019 e 21,85% en 2020. “Como non se executan as obras, continuamente se fala dun gasto nas mesmas obras”, sinalou.

Nos últimos meses, en novembro de 2020, aprobáronse o destino dos remanentes de 2019 para axudas e obras, “coa abstención do BNG porque entendía que tiña que haber máis cantidade para axudas directas e porque moitas desas obras viñan arrastradas de anos atrás e non se ía cumprir a súa execución”. Das 14 obras aprobadas en novembro de 2020, a inmensa maioría tiñan un prazo de execución inferior a 5 meses e a esta altura tiñan que estar licitadas e en fase de realización, mais na actualidade só 1 está en fase de licitación e o resto non teñen compromiso contábel. “O BNG non se opón a que se realicen estas obras, mais non se pode estar sempre xogando con prazos e anuncios reiterados”, afirmou.

“As contas de Bugallo son contos”

Deste xeito, Goretti Sanmartín reclamou unha reunión técnica na Xunta de Portavoces, á que o alcalde se nega, para informar de cada  proxecto desas obras, do prazo de execución e se van ser capaces de ter todo rematado en decembro de 2021 “porque é a única condición que hai para a utilización dos remanentes”. “Non podemos chegar a decembro de 2021 e que desas 14 obras só se executasen 3 ou 4”, sinalou.

“Temos que ter enriba da mesa unha descrición realista, técnica e transparente que aclare o que se pode facer, porque o contrario é que as contas de Bugallo son contos”, advertiu Goretti Sanmartín.

Outro dos datos preocupantes para o BNG é que, precisamente no ano COVID, o gasto por habitante diminúe e pasou de 1.119,34 euros/habitante en 2019 a 1.058 euros por habitante en 2020, o que representa unha diferenza de 60 euros/habitante.

“O Concello de Santiago de Compostela segue cunha capacidade de execución baixísima e xogando unha e outra vez con cartos que aparecen e reaparecen para obras que xa estaban aí e iso é unha fraude constante para o conxunto da poboación que non acaba de entender os prazos das obras e as cantidades dispoñíbeis, por iso pedimos transparencia e dos 9 millóns de euros canto quere destinar a axudaso goberno do PSOE”, explicou en rolda de prensa.

Goretti Sanmartín: “O Goberno municipal confunde a poboación xa que dispón de 9 millóns de euros en remanentes para gastar libremente”