O BNG reclama que se manteñan as oficinas do Banco Santander e Abanca existentes en Santiago de Compostela
Barállase o peche de 8 oficinas que provocarán un empeoramento dos servizos para a veciñanza, ademais da destrución e precariedade dos postos de traballo
Santiago de Compostela, 5 de abril de 2021.- O BNG trasladará unha moción ao Pleno para expresar o apoio da Corporación municipal ás xustas reivindicacións das traballadoras e traballadores da banca en defensa dos postos de traballo e do mantemento dos servizos financeiros básicos no territorio galego.
De feito, en Santiago de Compostela, pecharon recentemente tres oficinas do Banco Santander e está previsto pechar unha máis co novo ERE, que vai afectar entre 6 e 10 traballadores/as, ademais dos problemas causados á veciñanza. A iso súmanse os problemas de Abanca, onde pecharon dúas oficinas recentemente en Santiago e barállase que pechen outras dúas máis nun ERE para finais de ano.
Así, a moción do BNG propón instar a Xunta de Galiza a desenvolver, no seu ámbito de competencia, as actuacións necesarias para evitar a deslocalización de servizos e a perda de postos de traballo no sector da banca en Galiza.
“Ademais, esta moción insta o Goberno español a impulsar unha regulación do sector bancario que evite os perigos da concentración e centralización, atenda as necesidades de financiamento da economía produtiva e asegure o acceso da cidadanía a servizos financeiros básicos”, explicou a concelleira do BNG Navia Rivas.
“Queremos tamén trasladar este acordo ás direccións do Banco Santander e de Abanca para que reconsideren a súa decisión e manteñan os postos de traballo e o servizo á súa clientela”, engadiu.
O proceso de concentración e centralización bancaria, que levou á perda progresiva de entidades como Caixa Galicia, Banco Pastor ou Banco Gallego tivo efectos moi negativos para Galiza en forma de destrución de emprego, exclusión de amplos sectores da poboación do acceso a servizos financeiros básicos e acentuación das dificultades de acceso ao crédito para o financiamento da nosa economía.
Segundo datos do propio Banco de España, Galiza está na cola do Estado español na ratio entre os aforros depositados nos bancos e o crédito concedido. É dicir, unha parte importante do aforro dos galegos e galegas, en vez de ser reinvestido no noso país, drénase fóra para contribuír ao financiamento da economía doutros territorios.
O impacto social e económico deste proceso de concentración e centralización é múltiplo e repercute na destrución de postos de traballo e precarización do emprego. Menos oficinas e menos persoal trae consigo unha maior carga de traballo para as empregadas e empregados, incerteza na mobilidade xeográfica e tamén unha maior presión sobre as traballadoras e os traballadores.
Esta exclusión e maior dificultade de acceso de sectores da cidadanía a servizos financeiros básicos, derivadas do peche de oficinas e da migración aos servizos dixitais está a agravar as consecuencias da fenda dixital, cun impacto singular nas persoas maiores e cun empeoramento da calidade do servizo como as longas colas para entrar nas oficinas e as innumerábeis dificultades para poder solucionar presencialmente as xestións, explicou Navia Rivas.