O BNG propón que o Concello se sume á campaña de apoio ao pobo saharauí, afectado por asolagamentos
Urxe a axuda para a compra de alimentación, auga potábel e medicamentos nos campamentos de persoas refuxiadas en Tinduf
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2015.- O grupo municipal do BNG insta ao alcalde a que inicie as xestións oportunas, en colaboración co colectivo Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, para que o Concello de Santiago se sume á campaña de apoio ao pobo saharauí logo das recentes inundacións dos campamentos de persoas refuxiadas de Tinduf, no suroeste de Alxeria, que lle afectaron a 100.000 persoas que se atopan en situación de emerxencia humanitaria.
A devastación foi provocada polas chuvias torrenciais, que destruíron haimas e casas de adobe, vías de comunicación, lugares de traballo, escolas, hospitais e comercios, nos lugares de campamentos de refuxiados nunha crise que está considerada como a máis prolongada da historia. Por este motivo, urxe a axuda para a compra de alimentación, auga potábel e medicamentos, na liña do aprobado no Parlamento de Galiza e noutros concellos galegos.
Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) mantén aberta a conta de Abanca ES51 2080 5409 11 3040113236 co concepto emerxencias campamentos para as persoas que queiran colaborar a paliar este desastre nos campamentos de refuxiados que loitan pola autodeterminación e polo respecto dos dereitos humanos nos territorios ocupados do Sáhara Occidental.