O BNG propón contratar o servizo público das cafetarías da estación de buses e Auditorio de Galiza
Nestes dous anos de peche desas cafetarías, o Concello deixou de obter ingresos económicos en virtude do canon de explotación, explicou Rubén Cela
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2016.- O grupo municipal do BNG trasladará a Pleno unha iniciativa destinada a abrir novos procesos de contratación do servizo de cafetaría e restauración da estación de autobuses e do Auditorio de Galiza, que levan dous anos pechados, e o mesmo para a do Museo da Cidade e das Peregrinacións, que xestiona a Xunta.
Ás portas da Semana Santa, Santiago de Compostela volverá dar unha imaxe que non é propia da capital dun país, dunha cidade que é Patrimonio da Humanidade e principal referencia en materia turística de Galiza, explicou Rubén Cela en rolda de prensa.
Dende hai dous anos, en marzo de 2014, deixou de prestarse o servizo de cafetaría da estación de autobuses de Santiago de Compostela. Esta é unha prestación importante nunha cidade como Santiago de Compostela, na que diariamente fan uso da estación un elevado número de persoas xa que pasan 25.000 autobuses anuais, entre urbanos, interurbanos e internacionais. Ademais, o peche do servizo deixou sen traballo un colectivo de profesionais que levaba moitos anos desenvolvendo alí a súa actividade. Non é normal que esta estación de autobuses teña un peor servizo que a das pequenas vilas, pois o único que hai son máquinas expendedoras, indicou.
O Auditorio de Galiza atópase nunha situación similar, pois ten unha programación estábel tanto da Real Filharmonía de Galiza e do propio Concello e despois ten unha serie de eventos durante o ano que non dispoñen dese servizo de restauración, engadiu.
Rubén Cela aludiu tamén ao problema que suscita dende unha perspectiva financeira, nestes dous anos de peche desas cafetarías, o Concello deixou de obter ingresos económicos en virtude do canon de explotación.
Explicou ademais que dende a apertura do Museo da Cidade e das Peregrinacións, titularidade do Consorcio coa xestión transferida á Xunta, neste espazo nunca chegou a funcionar o servizo de cafetaría e restauración, de aí que o BNG propoña instar ao Goberno galego a iniciar un procedemento para a súa contratación.