O BNG propón a retirada da bandeira da UE de edificios municipais de Santiago pola crise humanitaria
Anima a participar na concentración prevista para este mércores ás 20:00 horas na praza do Toural
Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2016.- O grupo municipal do BNG de Santiago de Compostela demandoulle ao Goberno local de Compostela Aberta a retirada da bandeira da Unión Europea dos edificios municipais en sinal de protesta polos graves acontecementos relacionados coa crise humanitaria de persoas refuxiadas e o peche de fronteiras.
O BNG realiza esta solicitude como sinal de protesta polo acordo acadado entre a UE e Turquía para expulsar, sen posibilidade de solicitar asilo, todas as persoas chegadas dende países en conflito e pola deriva que tomaron as políticas migratorias.
Para o BNG, a actitude que mantén a Unión Europea na crise das persoas refuxiadas só pode ser definida como inhumana. Ademais, cuestiona que a UE asistise á entrega dunha cuantiosa cantidade económica ao Estado turco para que peche as súas portas e prohiba o desprazamento de centos de miles de persoas que marchan dunha guerra que foi alentada polo denominado mundo occidental.
O acordo económico de peche de fronteiras viola dereitos fundamentais
Ademais, tal como indicou a ONU, este acordo económico imposto pola UE e Turquía viola dereitos humanos fundamentais e, por este motivo, o BNG considera que Santiago de Compostela non pode permanecer allea nin impasíbel ante unha decisión deste tipo.
Con esta iniciativa trátase, pois, de que o Concello de Santiago realice un xesto simbólico como retirar as bandeiras europeas dos edificios institucionais para evidenciar a vergoña de pertencer a unha Unión Europea disposta maltratar persoas que foxen dunha guerra provocada desde Occidente.