PLENO

O BNG propón a creación dun Centro de Fotografía en Santiago

bng
bng
A imaxe fotográfica, ademais dun reclamo para atraer visitantes, é un elemento para coñecer o pasado e a identidade de Santiago de Compostela e de Galiza
O BNG propón a creación dun Centro de Fotografía en Santiago

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2019.- O grupo municipal do BNG proporá no Pleno de outubro a creación dun Centro da Fotografía en Santiago de Compostela que sirva como punto de referencia “para arquivar, investigar e difundir este patrimonio”, explicou a concelleira Navia Rivas.

 

“A creación dun Centro de Fotografía en Compostela, que sexa un referente a nivel nacional, é unha demanda desde hai moito tempo na nosa cidade que pode facilitarlle ao público o seu achegamento, de xeito permanente, a este patrimonio gráfico”, destacou.

A diversificación e desestacionalización turística pasa por ofrecer tamén espazos museísticos diferenciados, sinalou a concelleira, pois Compostela adoece dunha oferta adecuada aos novos xeitos de exposición, moito máis interactivos e integradores. Neste sentido, cómpre ter en conta que a imaxe fotográfica, ademais dun reclamo para atraer visitantes, é un elemento para coñecer o pasado e a identidade de Santiago de Compostela e de Galiza.

Santiago de Compostela foi historicamente unha cidade onde se asentaron profesionais da fotografía e desenvolveron o seu traballo en estudos, na venda ambulante de imaxes, en xornais e en publicacións periódicas. Na publicación “As orixes da fotografía en Galiza, estudos composteláns do XIX”, de Carlos I. Castelao, dáse conta da existencia de 24 estudos fotográficos e 12 fotógrafos en ambulancia no século XIX. A iso súmanselle profesionais que retrataron a Compostela do século XX como Ksado, Estalote, Gamallo, Guitián, Almeida e Chicharro, entre outros, e outras internacionais como Ruth Mathilda Anderson, Català-Roca ou Anna Turbau que deixaron constancia do seu paso pola cidade no seu legado fotográfico.

Este inmenso patrimonio fotográfico está disperso en arquivos de institucións, entidades, asociacións e boa parte del en mans privadas en mal estado de conservación e co risco de desaparecer, xa sexa pola súa venda ou, directamente, pola súa destrución en moitos casos tras o pasamento das persoas propietarias e ante o desinterese de herdeiros/as. Son as administracións públicas as que deberían fomentar o seu rescate e conservación, recollida (física ou dixitalmente), protección e posta en valor. Este traballo de investigación e recuperación pódese facer en colaboración coa USC e coa Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo.

No pasado desenvolvéronse desde o Concello diversas iniciativas de compilación das imaxes que están en mans da veciñanza a nivel privado con abondosa presenza de fotografía de estudo, láminas fotográficas, imaxes fotomecánicas e postais. Ademais, son relativamente continuas as exposicións organizadas sobre a temática da imaxe fotográfica en Santiago de Compostela. Todo isto proba o manifesto interese da veciñanza, e non só das institucións e das empresas, na imaxe histórica da cidade.
O BNG propón a creación dun Centro de Fotografía en Santiago