ORZAMENTOS

Goretti Sanmartín: “O alcalde non pon suficiente forza en reclamar da Xunta os Orzamentos que Santiago necesita”

almorzo informativo
almorzo informativo

Non se inclúen partidas para depuradora, Escola Oficial de Idiomas nin Conservatorio de Música, ademais de non incrementar a dotación do Estatuto de Capitalidade e do Consorcio

Goretti Sanmartín: “O alcalde non pon suficiente forza en reclamar da Xunta os Orzamentos que Santiago necesita”


“O Xacobeo segue a planificarse como fogos de pirotecnia dun día e a xente pregúntase que vai pasar despois diso”, afirma

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2019.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, realizou unha valoración dos Orzamentos da Xunta para Santiago de Compostela e destacou que “o alcalde non pon suficiente forza para dicirlle ao presidente da Xunta que este non é o tratamento que Santiago merece en relación ás achegas do Estatuto de Capitalidade e do Consorcio”, que se manteñen practicamente iguais, para alén de non incluír partidas para a depuradora, a construción da Escola Oficial de Idiomas e a ampliación do Conservatorio de Música.

Durante un almorzo informativo co candidato do BNG ao Congreso, Néstor Rego, Goretti Sanmartín explicou que na proposta de Orzamentos da Xunta preséntase para o Estatuto de Capitalidade unha cantidade similar á de anos anteriores, simplemente cun incremento de 70.000 euros, cando hai estudos que cifran en 5,5 millóns de euros como mínimo a asignación para cubrir as necesidades. “Tendo en conta que para 2020 se consignan 2.392.000 euros, unha cantidade que significa a pouca capacidade de Bugallo para conseguir da Xunta un compromiso con Santiago de Compostela, cando son moitos os retos que ten que afrontar a cidade nos próximos anos derivados dos gastos derivados da Capitalidade e non estaremos á altura de non conseguir eses 5,5 millóns de euros necesarios” advertiu.

Fixo referencia tamén a que durante a campaña electoral todos os partidos estaban de acordo en que había que reclamar máis orzamento para o Estatuto de Capitalidade, por asumir os gastos do coidado do patrimonio, da recollida de lixo e do mantemento de servizos públicos e non se pode consentir que, ano tras ano, quede exactamente igual.

“Co PP na Xunta e co PSOE no Estado parece que temos que estar rogando o que é de xustiza para Santiago de Compostela e para Galiza”, indicou. “A situación sería moi distinta se alí estivesen deputados e deputadas do BNG que puxesen enriba da mesa as necesidades para defender os intereses de galegos e galegas”, engadiu.

Xacobeo, o mantra da Xunta para solucionar todo

“A Xunta está vivindo con ese mantra de que co Xacobeo xa se vai solucionar todo e entendemos que o investimento se deben centrar en mellorar as condicións de vida da xente que reside en Santiago e nos lugares por onde pasan os Camiños”, indicou. Así, botou en falta “que non se aproveiten estes orzamentos en atender demandas históricas que resolvan os problemas da poboación”. “O Xacobeo segue a planificarse como fogos de pirotecnia dun día e a xente pregúntase que vai pasar despois diso”, sinalou Goretti Sanmartín.

Consorcio, necesario para manter unha Cidade histórica viva

O Consorcio tamén recibe a mesma cantidade que anos anteriores, sinalou, cando Santiago ten que prepararse para recibir turistas e visitantes e o fundamental “é manter unha Cidade histórica viva, a liña ten que ser abrir axudas para insonorización de vivendas, melloras na rehabilitación e accesibilidade”.  Neste sentido, o BNG propuxo que o Consorcio comprase locais para rehabilitar e instalar pequeno comercio non ligado ao turismo, para que non todo sexan tendas turísticas. Para o BNG a partida que recibe é insuficiente por parte dos Orzamentos da Xunta e reclamará unha maior dotación económica ademais dun cambio de orientación nos investimentos.

Ausencias: depuradora, Escola Oficial de Idiomas e Conservartorio de Música

Incidiu tamén na preocupación de que nos Orzamentos da Xunta non se inclúa a estación depuradora para que se poida empezar a construír en 2021, ademais de reclamacións históricas avaladas polo conxunto da Corporación, como a construción do novo edificio da Escola Oficial de Idiomas ou a ampliación do Conservatorio Profesional de Música.

Goretti Sanmartín: “O alcalde non pon suficiente forza en reclamar da Xunta os Orzamentos que Santiago necesita”